Tuesday 03 de February de 2026

O concello presentará o Plan Director das Torres de Cillobre nun acto público


Convídase á cidadanía a asistir para coñecer de primeira man a folla de ruta para a recuperación dun dos espazos patrimoniais máis emblemáticos do municipio.

O Concello presentará a cidadanía o Plan Director do recinto que alberga os restos do conxunto arquitectónico das antigas Torres de Cillobre, un documento chave para avanzar na recuperación, posta en valor e reaproveitamento social e cultural deste enclave histórico. Será nun acto público que se realizará o martes da próxima semana, día 10 de febreiro, a partir das 19:30 horas na Casa da Cultura da Laracha.

O Plan Director foi redactado pola empresa especializada Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, e a presentación será a cargo do seu responsable de proxectos, Leo González, quen explicará cal é a situación actual do recinto, que potencialidades presenta e cales son as actuacións previstas a curto, medio e longo prazo para poñelo en valor.

As Torres de Cillobre, levantadas no século XIV e destruídas na revolta irmandiña do século XV, constitúen un dos símbolos históricos máis significativos da Laracha, ata o punto de figurar no escudo municipal. A través deste Plan Director o Concello dá un paso firme para recuperar os restos que se conservan —a vivenda da torre, parte do muro perimetral e o hórreo anexo— e transformar o recinto nun espazo de referencia cultural.

O documento establece unha estratexia global que combina investigación arqueolóxica, propostas de musealización, accións de divulgación e usos culturais e turísticos, sentando as bases para futuros proxectos tanxibles como a sinalización interpretativa, a organización de visitas guiadas ou a creación dun centro de interpretación. Todo isto cun triplo obxectivo: protexer o patrimonio, poñelo a disposición da cidadanía e facelo comprensible e útil para todos.

O Concello anima á veciñanza a acudir ao acto do próximo martes, xa que será unha excelente oportunidade para coñecer mellor a historia das Torres de Cillobre e participar activamente no proceso de recuperación dun espazo emblemático da Laracha que aspira a consolidarse como un punto de interese turístico destacado dentro do xeodestino Costa da Morte.

Deja un comentario