Tuesday 03 de February de 2026

A Casa Museo Picasso acolle a mostra ‘Arela Cromática’ do artista Julio Pereira


A exposición afonda na súa proposta de marcado carácter medioambiental a base de materiais recuperados e pinturas ecolóxicas

A Casa Museo Pablo Picasso acolle desde este martes e ata o 4 de abril a mostra ‘Arela Cromática’, que contén creacións do artista venezolano de raíces galegas Julio Pereira. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Catro, participou no acto de apertura da exposición, que está comisariada por Teresa Figueiras.
“Esta Casa Museo ten un importante valor simbólico e artístico que desde o Goberno de Inés Rey queremos aproveitar, abríndolle as portas a creadores que amosen o seu traballo á cidadanía”, indicou Castro. Julio Pereira (Caracas, 1969) é un artista polifacético de raíces galegas que logrou reinventarse con éxito en España tras décadas como galán de televisión en Latinoamérica. Iniciou a súa carreira aos 18 anos na mítica telenovela ‘Abigaíl’ (1988), papel que o catapultou á fama internacional.

A principios dos anos 2000, trasladouse a Madrid para estudar cine, integrándose axiña na industria española con participacións en series como ‘Amar es para siempre’, ‘Los hombres de Paco’, ‘Aída’ e a galega ‘Serramoura’. Na gran pantalla, formou parte de producións como ‘Invasor’ e ‘Santiago Apóstol’.

Porén, Julio Pereira non é só un rostro recoñecido na pantalla; é tamén un creador cunha sólida formación académica como arquitecto e experiencia en deseño gráfico e ilustración.
Actualmente reside na Coruña, onde consolidou a súa faceta como pintor abstracto e ilustrador.

A súa obra enmárcase na abstracción contemporánea e destaca por un firme compromiso coa sostibilidade. Definida como unha “celebración da cor” e da “beleza do simple”, a súa proposta utiliza materiais recuperados (madeira e plásticos) e pinturas ecolóxicas para crear texturas orgánicas que invitan a reflexionar sobre o consumo e o medio ambiente. As súas técnicas evolucionan desde o acrílico sobre tea ata complexas esculturas de parede e relevos tridimensionais policromados.

Deja un comentario