O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, salientou durante a presentación da obra a importancia do espazo público como eixo vertebrador da cidade democrática
O Concello da Coruña vén de presentar o libro “Paisaxes Públicas – Prazas e parques da Coruña, 1975-2025”, unha publicación que recompila medio século de intervencións no espazo público da cidade. O acto tivo lugar na libraría Formatos e contou coa intervención do concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.
Durante a súa intervención, o concelleiro destacou que o libro “é unha reflexión coral sobre o modelo de cidade construído nas últimas décadas, baseado na recuperación do espazo público como motor de cohesión social e calidade urbana”. Subliñou, ademais, que a publicación “pon en valor o traballo de numerosos profesionais que, con visión e compromiso, contribuíron a facer da Coruña unha cidade máis amable, humana e habitable”.
A obra, coordinada por Antonio S. Río Vázquez, arquitecto e profesor da ETSAC da UDC, recolle achegas de diversas autoras e autores e estrutúrase en varios capítulos temáticos que analizan desde a renovación de prazas e parques ata a arquitectura efémera e a relación co patrimonio. O volume tamén rende homenaxe a dous nomes fundamentais no deseño do espazo público coruñés: Antonio Desmonts Basilio, arquitecto municipal, e Tom Núñez, enxeñeiro e autor de numerosos parques e trazados vexetais.
Este libro recolle e consolida en formato editorial os contidos que xa foron obxecto da exposición Paisaxes Públicas, celebrada o pasado mes de outubro na sala municipal de María Pita no marco da Semana da Arquitectura 2025, baixo o lema “A cidade do público”.
A mostra foi organizada polo Concello en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Con esta edición, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso coa planificación urbana sostible e coa divulgación do valor colectivo do espazo público como eixo fundamental da vida cidadá.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.