O Concello de Miño presentou este martes, 3 de febreiro, unha nova edición do programa ‘Cociña Mariñeira’, nun acto no que participaron Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño; José Manuel Pantín Morado, concelleiro delegado do Servizo de Deporte, Turismo, Promoción Económica e Mocidade; José Antonio Anido Núñez, presidente do GALP Ártabro Norte e patrón maior da Confraría de Pescadores de Miño; e Miguel Estévez Campos, secretario da Confraría de Pescadores de Miño.
“Cociña Mariñeira” é unha iniciativa impulsada polo Concello de Miño que ten como obxectivo poñer en valor os produtos do mar e promover actividades formativas dirixidas ao sector da hostalería. O proxecto conta co apoio do GALP Ártabro Norte, a través dos Fondos FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura).
O programa consta de seis talleres formativos impartidos na Casa do Pescador de Miño durante febreiro e marzo, nos que se traballará o coñecemento dos produtos mariños, a súa correcta selección e as diferentes técnicas culinarias para a súa elaboración. A través desta formación práctica, preténdese profundar na tradición gastronómica mariñeira e fomentar a innovación na cociña, sempre desde o respecto polo produto local e de proximidade.
Esta iniciativa busca contribuír á posta en valor da riqueza mariñeira da zona, reforzando a identidade gastronómica de Miño e promovendo unha cociña baseada na calidade, a sustentabilidade e o aproveitamento responsable dos recursos do mar.
O programa enmárcase no compromiso do Concello de Miño co desenvolvemento do sector hostaleiro, apostando pola formación continua como unha ferramenta clave para mellorar a competitividade dos establecementos, a calidade do servizo ofrecido e o prestixio da gastronomía local.
Con esta nova edición de “Cociña Mariñeira”, o Concello reafirma a súa aposta por iniciativas que contribúan ao crecemento económico do municipio, a profesionalización do sector e a conservación e difusión da tradición culinaria mariñeira.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.