Monday 02 de February de 2026

O Open de Rutas Turísticas de Ferrolterra decídese este sábado en Igrexafeita


As pistas e estradas da nosa zona van ser na tarde deste sábado o escenario da 2ª Ruta Turística de Igrexafeita, última proba do calendario de sete citas que compoñen o Open de Rutas Turísticas de Ferrolterra 2025-2026. Trátase dunha proba automobilística na que se deberá completar un percorrido pola comarca procurando axustarse o máis posible aos tempos de paso por cada punto de control. Neste tipo de rutas adoitan participar coches de rúa ou clásicos que fan medias máis ben baixas e, de feito, o importante non é a velocidade, senón a regularidade e unha boa orientación para cumprir sen penalizacións cun itinerario e cun plan horario e se lle entregan ás persoas participantes xusto antes da saída.

A saída e chegada da proba terán lugar na Parrillada María Queira, na parroquia de Igrexafeita. As saídas iranse dando oficialmente desde as 16:00h, mentres que os dorsais coas letras de carreira poderán recollerse a partir das 15:00h. O itinerario, que é o segredo mellor gardado pola organización, discorrerá por vías abertas ao tráfico e, de feito, está deseñado para facerse sen superar ningún límite de velocidade. É máis, non dosificar ben o acelerador e non atenderlle ás ordes da persoa acompañante que vai controlando os tempos é a maneira máis doada de

As inscricións levan abertas varias semanas e poden formalizarse ata este martes ás 20:00h no Bar Xambas (Moeche), no Bar O Caserío (Sedes) e tamén en María Queira, cun custo de 60 euros por coche e un máximo de dúas persoas por vehículo. Ao remate da ruta celebrarase unha cea de confraternidade e a entrega de premios da propia proba, así como dos correspondentes ao Open de Rutas Turísticas Ferrolterra 2025–2026.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa organización a través dos teléfonos 686 899 634 ou 679 925 075, pertencentes a tres dos membros da escudería IRT, de Igrexafeita, organizadora desta última proba do calendario.

Ata o momento xa se completaron seis rutas do aberto comarcal, cun listado de 120 equipos inscritos nalgunha das súas probas, aínda que son arredor de 70 os que participaron en dúas ou máis rutas. De todos eles son só unha vintena os que acudiron á maioría dos percorridos e que, por iso mesmo, teñen algunha opción.

Os que levan unha maior puntuación son Cabanela, integrado por Jorge González e Iván Bouza -188 puntos-; o ACAP 3 e Algo de Anxo Durán e Jenifer Rey -162- e, en terceiro lugar, o ACAP 10 do piloto Raimundo Otero e o seu copiloto José Manuel Paz, que suman 135 puntos a pesar de levar unha ruta menos que os dous equipos de cabeza. Con 132 puntos e tamén cunha ruta de menos encóntranse Los Cuñados del Clío, Alejandro Cagiao e Juan Varela.

Hai parellas favoritas, pero o resultado final do Open de Rutas Turísticas Ferroltera 2025-2026 segue aínda moi aberto. Como queda o campionato comarcal saberémolo o sábado á tardiña. E se alguén quere estrearse nesta entretida disciplina e despois gozar dunha boa cea entre amizades, só ten que anotarse. Seguro que repite.

Deja un comentario