• A alcaldesa comprometeuse a seguir apoiando aos clubs e entidades deportivas asentadas no municipio
• Sampedro felicitou ao deportistas e ás dúas familias polo esforzo que realizan durante todo o ano para conquerir resultados de éxito
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, acompañada polo concelleiro de Deportes, Álex Vidal, entregou esta tarde as axudas aos deportistas individuais correspondentes ao ano 2025. O acto institucional, que tivo lugar no antigo auditorio, arrancou con palabras de satisfacción por parte da rexedora “Ribeira sinte un inmenso orgullo de poder contar cun elenco de deportistas coma vós”.
Sampedro aproveitou o encontro para trasladar o compromiso firme que ten o Concello de Ribeira co deporte local e os seus clubs que son “o motor do éxito de todos vós”. Así, foron nomeados os 20 ribeirenses entre os que se reparten os 14.000 euros destinados a esta convocatoria, na que se atopan representantes de diversas disciplinas, entre as que están o taekwondo, o kenpo, a vela, o atletismo ou a natación.
Desde o ente municipal, trabállase en mellorar e ampliar a proxección destas axudas e que a vindeira convocatoria poida tamén abrir a posibilidade de participar ás disciplinas por parellas, nas que Ribeira ten bos exemplos no patinaxe, entre outras.
“Desde que chegamos o goberno, levamos recibidos neste concello deportistas de todas as idades e disciplinas presentándonos resultados exitosos en competicións de ámbito nacional e internacional. Iso é mostra da boa saúde da que goza o deporte da nosa cidade, do bo traballo desempeñado polos clubs e do apoio das familias”, apuntou Sampedro.
A alcaldesa quixo agradecer o esforzo, a disciplina e o traballo en equipo “aínda falando de deportistas individuais” que se desenrola no municipio, posto que se debe recoñecer que sen os valores que representa a aprendizaxe a través da xenerosidade e o compañeirismo os éxitos acadados serían moito menores. “Os valores que aporta o deporte son fundamentais para a evolución das persoas, sobre todo nas idades máis temperás nas que se aprender o significado de compartir”, remarcou Sampedro.
A volta da Gala do Deporte no 2026
A alcaldesa aproveitou tamén a cita para anunciar a recuperación da Gala do Deporte de Ribeira “que leva anos sen celebrarse” e que se levara a cabo a finais do presente ano, cando a maioría dos deportistas teñan pechadas as súas tempadas.
“É un xeito de recoñecer o traballo e o esforzo realizado, non só a nivel individual ou coma club, senón tamén a todas esas persoas que desde a sombra traballan arreo día a día para que o mundo do deporte non se pare; desde quen abre unha instalación ata quen asume a directiva dunha entidade sacando tempo da súa vida persoal”, apuntou Sampedro, quen animou a todos os deportistas do municipio a seguir demostrando o mellor de si mesmos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.