A Concellaría de Feiras e Mercados do Concello de Carballo pon en marcha unha nova edición de MercaEscola, un programa formativo e informativo dirixido a persoas adultas que converterá a Sala Cervantes do Mercado Municipal nun espazo de aprendizaxe, reflexión e convivencia entre o 2 de marzo e o 25 de maio. O concelleiro delegado da área, Ramón Varela, e o alcalde, Daniel Pérez, veñen de presentar o programa deste ano.
A programación, composta por 13 actividades, estrutúrase arredor de catro grandes bloques temáticos: consumo, saúde, servizos públicos e medio ambiente, cun formato aberto e participativo que busca achegar ferramentas prácticas para o día a día ao tempo que promove o mercado como un lugar vivo, útil e comunitario.
A participación en todas as actividades é de balde, con prazas limitadas, e require inscrición a través da web carballo.gal.
Un programa diverso para aprender e participar
MercaEscola inclúe charlas, obradoiros, sesións informativas, proxeccións e saídas guiadas. Entre os temas que se abordarán destacan os dereitos das persoas consumidoras, a seguridade viaria, a saúde do río Anllóns, a xestión do ciclo da auga, a menopausia, os dereitos nas subministracións do fogar, os servizos financeiros e bancarios ou a compostaxe doméstica.
O programa tamén incorpora propostas orientadas ao benestar persoal, como unha sesión de mindfulness, e actividades de divulgación e coñecemento do territorio, como a visita guiada á parroquia de Aldemunde, a máis pequena do concello.
O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, destacou que “MercaEscola é unha forma de achegar o mercado á veciñanza desde outro enfoque: como un espazo onde tamén se vén aprender, informarse e compartir. Con esta programación queremos dinamizar o Mercado Municipal e facer que a cidadanía o sinta como algo propio, útil e vivo ao longo de todo o ano.”
“Con MercaEscola facemos do Mercado Municipal un espazo útil, vivo e participativo, que vai máis alá da compra diaria: é un punto de encontro onde a veciñanza pode aprender, informarse e compartir experiencias sobre cuestións que nos afectan a todos, como o consumo, a saúde ou o coidado do medio ambiente”, engadiu o alcalde.
Colaboración e agradecementos
A iniciativa conta coa colaboración das áreas municipais de Cultura e Festas, Servizos e Medio Ambiente, Mobilidade e Policía, Arquivos e Bibliotecas e Comunicación, así como coa participación de profesionais e entidades como o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), o Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía da UDC (GRICA-BIOpast), o reumatólogo Francisco Blanco, Aqí&Agora Centro de Mindfulness, Gestagua e Rocío Díaz Fisioterapia.
Calendario de actividades
As actividades celebraranse todos os luns dos meses de marzo, abril e maio, sempre ás 17.00 horas, e, agás excepcións, desenvolveranse na sala Cervantes do mercado municipal.
1. Coñece e defende os teus dereitos como consumidor/a
Programa Consumo en ruta – Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC)
2 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes
2. Proxección da curtametraxe “Adeus, Berta” e coloquio
Película dirixida por Fernando Tato
9 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes
3. Charla-coloquio co reumatólogo Francisco Blanco
16 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes
4. A xestión do ciclo da auga
Visita ás oficinas de Gestagua
23 de marzo | 17.00 h | Rúa Río Ulla, 2
5. Menopausia e solo pélvico
Sesión informativa con Rocío Díaz (fisioterapeuta, especialista en saúde da muller)
30 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes
6. Os teus dereitos nas subministracións do fogar
Programa Consumo en ruta – IGCC
6 de abril | 17.00 h | Sala Cervantes
7. A saúde do río Anllóns
Obradoiro teórico-práctico co Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da UDC
13 de abril | 17.00 h | Sala Cervantes
8. Visita guiada ao arquivo do Concello de Carballo
“Paseo documental e fotográfico pola historia do noso concello”
20 de abril | 17.00 h | Arquivo municipal
9. Charla sobre seguridade viaria
A cargo de axentes da Policía Local
27 de abril | 17.00 h | Sala Cervantes
10. Servizos financeiros e bancarios
Programa Consumo en ruta – Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC)
4 de maio | 17.00 h | Sala Cervantes
11. Compostaxe doméstica
Charla teórico-práctica sobre programas de compostaxe doméstica e ‘Ti tes a chave’, do Concello de Carballo
11 de maio | 17.00 h | Sala Cervantes
12. Sesión de mindfulness
Con Teresa Vilanova, de Aqí&Agora Centro de Mindfulness
18 de maio | 17.00 h | Sala Cervantes
13. Visita guiada a Aldemunde
Achegamento á parroquia máis pequena do concello de Carballo (duración aprox. 2 horas).
25 de maio | 17.00 h | Saída do mercado



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.