— A cinemateca da Xunta completa o mes coa segunda entrega de Territorios mutantes e coa despedida do ciclo De xasmín e cascallos
— O especial sobre os traballos comúns entre o cineasta húngaro Béla Tarr e o último Premio Nobel de Literatura László Krasznahorkai arrinca o mércores 11
— Feyrouz Serhal, Candela Sotos, Alberto Gracia e Berio Molina figuran entre as persoas convidadas en diferentes sesións con presentación e coloquio
A Filmoteca de Galicia dedica en febreiro o eixo principal da súa carteleira na sala José Sellier ao ciclo Hiroshi Shimizu, o arte de perderse, realizado en colaboración coa Fundación Xapón, ao tempo que programa o inicio do especial sobre as colaboración entre Béla Tarr e László Krasznahorkai. Outras citas importantes da súa actividade mensual serán a visita de José Luis Guerin dentro da conmemoración dos 20 anos de Cinema en curso e co seu filme Historias del buen valle.
A actividade prevista, que conforma o programa número 300 da cinemateca da Xunta, complétase coa segunda entrega de Territorios mutantes baixo o subtítulo Paisaxes que senten. Cine e poshumanismo, coa despedida do ciclo De xasmín e cascallos. Cinema desde o Líbano e novas sesións de Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia, con varias proxeccións acompañadas de presentación e coloquio.
Un xenio do período clásico xaponés
Coorganizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Fundación Xapón, o ciclo de Hiroshi Shimizu recupera a obra dun dos cineastas máis prestixiosos da súa época, autor dunha filmografía amplísima na que chegou a dirixir arredor de 160 películas, hoxe en boa parte perdidas. A selección percorre desde o cinema mudo ata mediados dos cincuenta e destaca a súa aposta temperá por rodar en exteriores, coa que foi abrindo camiño a un novo realismo.
As nove sesións terán lugar os días 5, 6, 10, 12, 18, 20, 26 (dobre programa) e 28, cunha programación que inclúe Japanese Girls at the Harbor, Forget Love for Now, The Masseurs and a Woman, Introspection Tower, Notes of an Itinerant Performer, Ornamental Hairpin, Children of the Beehive, Mr. Shosuke Ohara e The Shiinomi School.
Béla Tarr e Krasznahorkai, unha alianza de culto
Ademais, a Filmoteca de Galicia inicia o 11 de febreiro o ciclo dedicado ás cinco colaboracións entre o cineasta húngaro Béla Tarr, recentemente falecido, e László Krasznahorkai, último premio Nobel de Literatura. Unha referencia do slow cinema europeo que acadou status de culto polas súas longas tomas e o seu ritmo contemplativo.
O ciclo reúne cinco colaboracións consideradas xa imprescindibles do cinema europeo recente, cunha mirada existencialista e unha posta en escena hipnótica baseada en longos planos secuencia e no protagonismo do espazo. En febreiro proxectaranse La condena (día 11), Armonías de Werckmeister (días 13 e 14) e El caballo de Turín (día 27). O programa desenvolverase ata o 14 de marzo e completarase na primeira semana dese mes con El hombre de Londres e coa proxección de Satantango.
José Luis Guerín en Compartir o cinema
O ciclo Compartir o cinema. 20 anos de Cinema en curso recibirá a visita de José Luis Guerín, que participará nas dúas sesións programadas o 19 de febreiro como parte da conmemoración do vixésimo aniversario deste programa didáctico audiovisual do que forma parte a Filmoteca de Galicia. A primeira será unha proposta elixida polo propio cineasta, cunha selección que inclúe pezas dos irmáns Lumière, Oskar Fischinger, Jonas Mekas e do propio Guerin.
Na mesma xornada, o director presentará Historias del buen valle, o seu último filme, Premio Especial do Xurado na última edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A proxección da fita, que se estreará en salas poucos días antes, o 6 de febreiro, irá seguida dun coloquio posterior co público.
Paisaxes que senten en Territorios mutantes
A segunda entrega de Territorios mutantes desenvolverase baixo o subtítulo Paisaxes que senten. Cine e poshumanismo, cun foco na relación entre o humano e o mundo vexetal e na reflexión contemporánea sobre o lugar que ocupamos como especie. O bloque incluirá dous encontros con persoas convidadas: Paco Calvo, investigador especializado en intelixencia vexetal, e a cineasta Candela Sotos.
Como antesala, programaranse Naves misteriosas (días 3 e 4), Samsara (días 5 e 10) e El incidente (día 18). As sesións centrais serán o día 24, cun encontro con Paco Calvo e a proxección de Silent Friend, e o día 25, co filme Yrupẽ e encontro con Candela Sotos.
Despedida do cinema libanés
O ciclo De xasmín e cascallos. Cinema desde o Líbano conclúe este mes coas tres últimas sesións, propoñendo unha fiestra á complexidade do país e ás súas feridas recentes a través de obras producidas entre os anos setenta e a actualidade. A súa comisaria, Feyrouz Serhal, participará nas dúas derradeiras xornadas para presentar os filmes e dialogar co público. A selección deste mes inclúe Erased,___Ascent of the Invisible (día 3), Octopus (día 11), con presentación e coloquio a cargo de Serhal e moderación de Martin Pawley, e un programa de curtas (día 12) que incorpora tamén a súa peza Tshweesh.
A programación complétase con catro sesións de Off Galicia: Furada Negra. Unha memoria do inframundo (día 4), con presentación e coloquio con Berio Molina, Alba Cid, Xavier Groba e Ramón Pinheiro Almuinha; La Parra (día 6), con presentación e coloquio con Alberto Gracia; Adeus, Berta (día 13), con Fernando Tato; e 4 clips de estreno (día 21), presentada por José Luis Ducid. Filmoteca Júnior proxectará Un barco no xardín (día 7) e Materiais para unha historia do cine en Galicia ofrecerá o 20 de febreiro unha selección de noticiarios históricos de finais dos anos 20 e comezos dos 30 do século pasado.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.