Intalarase unha baranda de seguridade entre o novo paso de peóns e a rotonda
O Concello de Oroso vén de iniciar as obras de construción da senda peonil na N-550, que conectarán as beirarrúas de acceso ao CEIP do Camiño Inglés coa Alameda de Góis. Unhas obras nas que o Concello de Oroso investirá 60.630 euros (IVE incluído) e que teñen un prazo de execución de dous meses, aínda que o alcalde Manuel Mirás agarda que estean rematadas antes.
“Temos que pedirlle desculpas aos veciños e veciñas polo atraso considerable que acumulan estas obras, primeiro polas modificacións que foi pedindo o Ministerio de Fomento e, nos últimos tempos, porque estivemos á espera de saber por onde virían as augas pluviais que se recollan dende a nova entrada da AP-9, pois diso dependería o diámetro do tubo de pluviais que se vai instalar nesta nova senda peonil”, explica o rexedor orosán.
Características das obras
A nova senda peonil discorrerá pola marxe dereita da Avenida de Compostela (N-550) e as súas características serán idénticas ás das outras oito sendas xa existentes no municipio: unha senda de dous metros de ancho, cunha base de zahorra artificial compactada e con quince centímetros de formigón. A maiores, o Concello de Oroso instalará unha rede de recollida de pluviais, aparcadoiros e unha baranda de protección ata a rotonda da N-550. Finalmente, o paso de peóns solicitado polo Concello quedará situado a 66 metros da rotonda, de acordo coas especificacións aprobadas polo Ministerio de Fomento.