Monday 02 de February de 2026

A Xunta de Goberno aproba a proposta para participar no POS+ 2026 con preto de millón e medio de euros para melloras no rural compostelán


A portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos aprobados esta mañá en Xunta de Goberno. Confirmou a suspensión xa anunciada do prazo de presentación de ofertas no concurso para a prestación do servizo de transporte urbano.

A Xunta de Goberno aproba a proposta para participar no Plan único de concellos 2026 con preto de millón e medio de euros para melloras no rural compostelán

A Xunta de Goberno Local (XGL) aprobou na sesión ordinaria deste luns a proposta para participar no Plan único de concellos (Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, POS+ 2026) da Deputación Provincial da Coruña.

Míriam Louzao explicou que o conxunto do POS 2026 representa un orzamento de 1.471.838,65 €, do que a Deputación achega 1.214.838,65 euros e o Concello 257.000 euros e que “de acordo co compromiso subscrito por todas as forzas municipais, dedicarase na súa totalidade á zona rural”. A proposta inclúe seguintes proxectos de investimento:

Rede de saneamento no lugar de Reboredo (Enfesta), cun orzamento total de 352.024,28€ (95.024,28 € da Deputación e 257.000,00 € do Concello).
Mellora do pavimento en diferentes camiños de Cesar, cun orzamento de 152.640,12 € (a cargo da Deputación).
A primeira fase da senda peonil de Grixoa a Albudiño, cun orzamento de 257.000,00 € (a cargo da Deputación).
Unha achega da Deputación de 710.174,25 euros para mantemento do rural que recolle a parte de gasto corrente imputable ao plan.
Adicionalmente aos 1.471.838,65 € do POS 2026, acordáronse dous proxectos que se propoñen para o plan complementario deste exercicio 2026, por un orzamento total de 587.079,68 euros: a rehabilitación da ponte de Gallufe por 46.277,77 euros e a ampliación da rede de abastecemento na variante de Aradas por 540.801,91 euros.

Suspensión do prazo de ofertas do concurso do transporte público

A Xunta de Goberno acordou suspender o prazo de presentación de ofertas no concurso para a prestación do servizo de transporte urbano. Tal como anunciou a alcaldesa, Goretti Sanmartín,o pasado venres, o motivo é a presentación de cinco recursos ante o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL). “Algo previsible en calquera contrato, e máis nunha licitación destas características, coa súa complexidade e volume económico”, valorou a portavoz municipal.

Deste xeito, diante da medida cautelar de suspensión do procedemento ditada polo Tribunal, aínda que o seu alcance non afecta o prazo de presentación de ofertas, “prudentemente”, indicou Míriam Louzao, o goberno municipal decidiu suspendelo.

O prazo de presentación de ofertas remataba o 9 de febreiro. Unha vez que o TACGAl se pronuncie, o Concello ampliarao “razonablemente”, indicou, “co obxectivo de garantir a transparencia e a igualdade entre todas as posibles empresas que poidan estar interesadas”.

Os servizos técnicos están xa respondendo as preguntas formuladas polas empresas concursantes. Unha vez resoltas, o novo prazo permitiralles ás empresas xa presentadas ou interesadas tomar decisións sobre as súas ofertas.

A voceira insistiu en que se trata dun “expediente sólido que, fóra de aclaracións puntuais, vai prosperar en ben do interese público.

Licenzas

A Xunta de Goberno outorgoulles licenzas ás seguintes obras:

• Rehabilitación e ampliación dunha vivenda para uso de hospedaxe no lugar de San Paio, 11.

• Rehabilitación dun edificio de planta baixa e tres andares para vivendas e local comercial na rúa de Santo Agostiño, 9.

• Construción dunha piscina en Vilastrexe, 53.

• Remodelación interior dunha vivenda na rúa de Tras do Pilar, 9.

• Instalación dunha pérgola exterior na cafetería da Facultade de Matermáticas.

• Acondicionamento dun local para dedicalo a vivenda na ruela de Conxo de Arriba, 2.

Outros asuntos

Relativo á contratación, quedou adxudicado o servizo de mantemento dos sistemas de alarma antiintrusión situados nas dependencias e edificios municipais á empresa Segursystem Europa por un importe de 172.871,42 €.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a xustificación correspondente ao meses de outubro a decembro do convenio de colaboración coa Federación Galega de ANPAS de centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria “Compostela” (FANPA COMPOSTELA) para o ano 2025, para a promoción de actividades e fomento da escolarización nos centros do termo municipal. A contía aprobada foi de 15.548,60 euros. Con cargo a este convenio a FANPA está atendendo os comedores escolares nas escolas rurais de Compostela.

Deuse conta finalmente da sentenza xudicial que confirma a baixa no Rexistro de empresas e actividades turísticas (REAT) dun piso turístico na avenida de Vilagarcía por carecer de título habilitante municipal.

Deja un comentario