· A bergondesa foi distinguida nos Premios EDUCA ABANCA 2025, considerados entre os galardóns máis prestixiosos do ámbito educativo en España.
· Durante a súa intervención, lembrou que “educar é moito máis que transmitir contidos: é acompañar, escoitar e abrir camiños”.
A bergondesa Fina Paulos, profesora do IES Maximino Romero Lema de Baio, foi recoñecida como mellor profesora de España na categoría de Secundaria e Bacharelato nos premios EDUCA ABANCA 2025, considerados entre os galardóns máis prestixiosos do ámbito educativo en España.
A gala de entrega tivo lugar o 31 de xaneiro de 2026 na Sede Afundación da Coruña, recoñecendo aos mellores docentes do país en cada etapa educativa, e reuniu a profesorado de toda España nun acto cargado de emoción e recoñecemento público cara a unha profesión que sostén o futuro do país. O certame, impulsado pola Plataforma EDUCA co apoio de Afundación, volveu situar no centro a quen, desde as aulas, transforman vidas e comunidade.
Durante a súa intervención, Fina Paulos lembrou que “educar é moito máis que transmitir contidos: é acompañar, escoitar e abrir camiños onde xerminan valores esenciais como o respecto, a empatía, a igualdade, o pensamento crítico e a creatividade”.
“Recibir este galardón —explicou— supón unha honra persoal, pero tamén un impulso para seguir defendendo unha educación humana, inclusiva e de calidade, que poña no centro ás persoas e ás súas historias de aprendizaxe”.
O seu traballo caracterízase polo uso creativo e ético de ferramentas dixitais, incluída a Intelixencia Artificial (IA), non só para adquirir coñecementos técnicos, senón para desenvolver valores, pensamento crítico e compromiso social.
Entre os seus proxectos máis destacados, realizado xunto ao seu compañeiro Óscar Manuel Rey, atópase o Recurso Educativo Aberto (REA) polo que recibiron recentemente os “I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do alumnado” que recollerán en Madrid o próximo 2 de marzo, trátase dunha proposta didáctica que combina patrimonio cultural, historia, diversidade e tecnoloxía. O proxecto integra ferramentas como sensores NFC, creación audiovisual, radio escolar e IA, e foi deseñado para que poida ser utilizado por centros educativos de todo o país.
Os Premios EDUCA ABANCA concédense a partir de nomeamentos de alumnado e familias, seguidas dunha avaliación por parte dun xurado especializado de todos os méritos que o profesorado achega e que se basea en todo o traballo realizado durante o curso académico, dentro e fose da aula. Neste caso, o premio subliña a capacidade de de estes dous profesores para converter experiencias de aula en recursos educativos abertos, inclusivos e con impacto real na comunidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.