En marcha os preparativos do Entroido de Neda. O Concello vén de publicar as bases que regulan a participación no tradicional festival de comparsas, que terá lugar o venres 13 de febreiro, marcando o inicio das celebracións en Ferrolterra. O prazo para anotarse comeza este martes.
O certame, no que as comparsas deberán interpretar un máximo de dúas cancións en galego, tendo que versar un delas sobre Neda ou sobre persoeiros da vila, desenvolverase no pavillón municipal Ale de Paz. Será tras o tradicional desfile que, a partir das 19:15 horas, percorrerá as rúas do núcleo urbano, con saída dende a Avenida de Castelao.
Nesta ocasión, poderán tomar parte no festival un máximo de nove comparsas (mínimo de 15 persoas con disfraces temáticos uniformes) e un grupo (mínimo 8 persoas). Terán preferencia as agrupacións formadas por veciñas e veciños de Neda e inscritas como tal, así como a que conte nas súas filas con maior número de persoas con discapacidade, fomentando así a inclusión.
Segundo establecen as bases, no caso de que haxa máis comparsas inscritas que prazas no festival, “unha vez seleccionadas as preferentes, procederase ao sorteo de participación coas restantes”.
Co obxectivo de incentivar a participación, cada unha das comparsas contará cunha axuda directa de 250 euros e o grupo con 150 euros, á marxe dos premios, que serán diplomas para os conxuntos que, a teor do xurado, destaquen polo enxeño á hora de criticar a realidade local ou comarcal, pola orixinalidade e vestimenta, pola posta en escena e, como non, pola animación na rúa.
As solicitudes para participar poderán formalizarse “de xeito presencial en horario de 9:00 a 14:30 horas (de luns a venres) ou a través da sede electrónica ata ás 23:59 do día 9 de febreiro”. As bases da convocatoria e a documentación a presentar están dispoñibles na web municipal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.