Monday 02 de February de 2026

Mila Castro sobre a comisión da auga: “Perdéronse tres anos para volver ao modelo da concesión que nós propuxemos no 2022”


• Acusa a Sanmartín de empregar a comisión de estudo do modelo de xestión como unha “cortina de fume” para gañar tempo cos seus socios de goberno e de empregar á oposición agora como “escusa” para aplicar o modelo da concesión “que aplica o BNG alí onde goberna”

• Acusa ao Partido Popular de incoherencia, apoiando agora a concesión á que votou en contra en setembro do 2022

A comisión para o estudo do modelo de xestión para o ciclo integral da auga acordou este luns elevar ao pleno a proposta da empresa mixta pero tamén á da concesión. Unha fórmula, a segunda, que contou cos votos favorables de PSOE e Partido Popular, e que se rematará por votar no pleno da Corporación onde si, as concelleiras non adscritas terán dereito a voto. Para Mila Castro esta é a demostración de que a comisión foi só unha “cortina de fume” para despois regresar ao modelo da concesión que a concelleira non adscrita defendera sendo a responsable de Servizos Básicos no anterior mandato.

Castro lembrou que en setembro do 2022, sendo a responsable deste contrato, defendeu no pleno municipal a necesidade de abrir unha nova licitación para a concesión da xestión da auga. Unha proposta que fora bloqueada entón por BNG, Compostela Aberta e Partido Popular: “o tempo volve darnos a razón e despois de tres anos de roturas, de parroquias sen acceso á rede de saneamento, de novos estudos gastando os recursos públicos escasos dos que dispón o noso concello, volvemos a esa proposta”.

A concelleira non adscrita criticou duramente a falta de coherencia tanto do Partido Popular como do PSOE, que apostaron por dilatar os prazos encargando un novo estudo que, finalmente, “non serviría de nada porque volvemos ao encargado por nós no 2020”. Refírese Castro ao estudo encargado polo goberno de Sánchez Bugallo, elaborado ademais polo mesmo equipo redactor que fixo o da cidade de Pontevedra (gobernada polo BNG) e que concluía que a concesión era o modelo máis eficaz para Santiago ao ser preciso un investimento de 100 millóns de euros para renovar a rede e ampliala a certos puntos do rural.

“A comisión era unha cortina de fume”

Sobre o resultado da comisión deste luns, Castro preguntou se realmente era necesario “perder todo este tempo” para chegar á mesma conclusión. A concelleira non adscrita asegura que, con este resultado, “confírmase o que dixemos sempre, que a comisión da auga que creou a Alcaldesa era un teatro para gañar tempo cos seus socios de goberno”.

As non adscritas lembran que a propia Sanmartín unira os seus votos aos do Partido Popular para bloquear, no pasado mandato, unha nova concesión e aseguran que agora, “para xustificarse, escenifica non estar de acordo coa proposta que se levará ao pleno”. Para Mila Castro isto é só unha “escenificación” e insiste en que a Alcaldesa “estará encantade de que a maioría absoluta do pleno acorde renovar o sistema da concesión, porque así terá a escusa fronte Compostela Aberta para aplicar o modelo que aplica o BNG alí onde goberna”.

“A comisión era unha cortina de fume e agora a oposición seremos a xustificación que usará a Alcaldesa cos seus socios para aplicar o modelo que sempre soubo que era o máis eficaz para Santiago” concluía Castro este luns preguntándose se algún dos grupos que bloqueara esta mesma solución no pasado mandato “pensa agora pedir perdón” despois de “tres anos perdidos de obras para a renovación e ampliación da rede de saneamento e abastecemento”.

Deja un comentario