O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón en Moeche, arranca unha nova acción formativa dirixida a capacitar unha nova remesa de futuras usuarias e usuarios. Un total de 20 persoas de diversos puntos da comarca participan desde o venres nun curso de oito módulos e 39 horas de teoría e práctica que se prolongará ata finais de marzo. O obxectivo principal é dotar ás persoas participantes dos coñecementos necesarios en materia de seguridade alimentaria, sobre os procesos de elaboración e ao respecto do manexo da maquinaria dispoñible nas instalacións. Completar o curso é imprescindible para que despois poidan converterse en usuarias e usuarios da Fusquenlla.
O programa formativo estrutúrase en oito módulos que combinan a teoría na Casa da Xuventude de San Sadurniño coa práctica directa no obradoiro de Moeche. As sesións comezaron este venres cunha introdución á manipulación de alimentos na que se abordaron, entre outros, aspectos fundamentais da hixiene alimentaria, os controis sanitarios e a normativa sobre trazabilidade e etiquetaxe.
A formación práctica, que ocupa a maior parte do itinerario formativo, permitiralle ao alumnado concienciarse tamén coa prevención de riscos laborais e familiarizarse co funcionamento de todo o equipamento da Fusquenlla, co que é posible transformar produtos de horta e froita en todo tipo de elaboracións, como conservas cociñadas, zumes, compotas e marmeladas e mesmo deshidratados.
Un dos puntos clave do curso é o manexo de maquinaria avanzada, que inclúe desde cocecremas e tamizadoras ata sistemas de envasado ao baleiro, ademais de aparellos de medición de distintos parámetros.
Os módulos finais céntranse no tratamento térmico mediante autoclave, un dos equipamentos máis importantes das instalacións. As persoas participantes aprenderán a analizar os valores de pasteurización e a asegurar que as conservas resultantes sexan totalmente seguras para o consumo e a comercialización.
O calendario formativo desenvólvese principalmente en fins de semana e venres pola tarde para facilitar a asistencia. Tras superar as distintas fases prácticas que se encadearán de febreiro e marzo, as persoas participantes no curso estarían listas para facer uso autónomo das instalacións, solicitando para iso as súas quendas a través do sistema de xestión do centro e aplicando os protocolos de hixiene e seguridade aprendidos.
O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla é unha iniciativa dos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño, que se uniron para facilitar un espazo onde pequenas produtoras e produtores puidesen elaborar todo tipo de zumes e conservas, ben para consumo propio ou para a súa venda en circuítos próximos.
No proxecto tamén se implicou a Deputación da Coruña, que integrou as instalacións dentro da súa Rede de Espazos Coworking PEL, coa finalidade de apoiar o emprendemento e dinamizar o rural.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.