Sobresae entre os pequenos e medianos concellos da Coruña, grazas á súa aposta pola por este servizo socioasistencial
Neda será no 2026 o segundo municipio de menos de 20.000 habitantes da provincia que máis horas de axuda a domicilio ofreza na modalidade de libre concorrencia, é dicir, á marxe do sistema de dependencia. A Deputación da Coruña financiará parcialmente este recurso, destinado a facilitar que veciños e veciñas- fundamentalmente maiores- con problemas de autonomía persoal poidan permanecer nos seus domicilios habituais.
Segundo apunta a resolución provisional do programa de subvencións a concellos para financiamento dos servizos sociais comunitarios no 2026, que vén de publicar o BOP da Coruña, o ente provincial aportará 168.000 euros ao Concello de Neda para colaborar nos gastos esixidos para prestar axuda domiciliaria básica.
Así, o Concello prevé ofrecer ao longo deste ano 12.000 horas de atención “a persoas que non teñan recoñecida a situación de dependencia ou que, aínda tendo recoñecida a situación de dependencia, non teñen recoñecido o dereito de acceso efectivo ao servizo”. Trátase dunha modalidade do SAF, que depende directamente dos Servizos Sociais municipais.
Así, a oferta do Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia, que cofinancian o Concello, a Deputación e as persoas usuarias (a Xunta exclusivamente colabora no financiamento das horas aprobadas para xente co recoñecemento de dependencia) marca, en boa medida, a diferencia entre municipios en materia socioasistencial, e acredita a aposta real dos concellos pola atención aos seus maiores.
A administración local ten previsto licitar ao longo deste ano o novo contrato mellorado do servizo de axuda no fogar.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.