Friday 22 de November de 2024

A cuarta edición do Ultratrail do Barbanza terá no parque García Bayón de Riveira o seus puntos de saída e de meta


Os corredores teñen ata o domingo á medianoite para apuntarse

O Ultratrail do Barbanza disputará a súa cuarta edición o vindeiro 30 de abril con dúas distancias alternativas: 60 kilómetros no percorrido longo para os máis afeitos a este tipo de probas e 35 kilómetros no curto.

Co fin de informar dos pormenores da proba compareceron na Casa Consistorial Eduardo Iglesias en representación da entidade organizadora (a asociación Arousa Natureza e Ocio), ademais do concelleiro de Deportes, Anxo Orellán, e do corredor Lois Rodríguez “Pachita”, vencedor na edición do ano pasado.

Iglesias explicou que a cita terá no parque García Bayón de Santa Uxía de Riveira os seus punto de saída e meta e que, a excepción desta zona e do paseo de Coroso, o percorrido evitará o asfalto en todo momento, descorrendo pola serra do Barbanza.

A proba longa terá un desnivel positivo de 2.320 metros e a curta de 1.430 metros. Contarán con 9 e 5 puntos de avituallamento, respectivamente.

Eduardo Iglesias salientou e agradeceu a colaboración da Asociación de Veciños de Carreira, Concello, Protección Civil e Policía Local. En total, máis de corenta persoas están implicadas na organización.

As inscricións aínda estarán abertas ata as doce da noite deste domingo. Os interesados poden apuntarse en www.arousa.com ou en www.ultratraildobarbanza.com. O prezo é de 25 euros para a distancia de 60 kilómetros e de 15 euros para a de 35.

Lois Pachita expresou a súa esperanza de poder repetir vitoria (desexou un día de pouca calor por adaptarse mellor ás súas condicións) e estimou que o gañador da carreira principal rondará as 6,5 horas.

Pola súa parte, Anxo Orellán destacou a importancia que está a conquerir a Ultratrail do Barbanza, que foi quen de lograr a pasada semana o premio como mellor evento na Gala do Deporte de Riveira, e salientou a fermosura do itinerario, pois non abundan as probas desta especialidade que, descorrendo pola montaña, se teña tan preto o mar e se poda disfrutar da súa contemplación.