Monday 02 de February de 2026

O BNG amosa a súa preocupación polos roubos e ponse á disposición do Concello para buscar solucións


O BNG de Ribeira quere expresar a súa preocupación ante a vaga de roubos que se vén producindo nas últimas semanas no municipio e que está a causar importantes danos en vehículos e comercios, xerando sensación de inseguridade entre a veciñanza e o tecido económico local. Trátase dunha situación que require unha resposta seria, coordinada e eficaz por parte das administracións competentes.

Desde o BNG consideramos que cómpre adoptar medidas para garantir a boa convivencia e o normal desenvolvemento da actividade social e económica de Ribeira, por iso propoñemos a convocatoria dunha reunión na que participen todos os grupos da Corporación Municipal xunto coas forzas e corpos de seguridade, coa finalidade de analizar a situación actual e estudar medidas que permitan atallar esta problemática dun xeito efectivo.

O BNG ribeirense quere mostrar a súa colaboración e por iso se pon á disposición do Concello para colaborar en todo o que sexa necesario co obxectivo de incrementar a seguridade no municipio, desde unha actitude construtiva a favor do benestar da veciñanza.

Cómpre lembrar que, durante o paso do BNG polo goberno municipal, realizouse un incremento importante de axentes para reforzar a seguridade, completando o 100% das prazas da Policía Local ata acadar os 27 membros en activo, aos que se suman 12 auxiliares, así como a consecución dun novo vehículo policial cun investimento de máis de 40.000€. Un avance que permitiu mellorar os recursos dispoñibles, pero que non resulta suficiente polo que debe continuar o traballo de reforzo, especialmente no que respecta aos efectivos e medios da Comisaría de Policía. Ao mesmo tempo, consideramos imprescindible reforzar os medios humanos e materiais destinados á seguridade, e en particular entendemos necesario que na Comisaría de Ribeira existan efectivos policiais dedicados especificamente á loita contra o tráfico de estupefacientes, xa que este tipo de actividades delituosas adoitan estar directamente relacionadas con outros feitos como roubos e danos a bens privados.

Dende o BNG apostamos por impulsar medidas que preveñan e atallen o consumo de drogas desde un enfoque integral, combinando a actuación policial coa prevención, a educación, a intervención social e a atención sanitaria, especialmente entre a mocidade e os colectivos máis vulnerables, abordando así as causas profundas do problema e non só as súas consecuencias.

O portavoz do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, sinala que “estamos ante unha situación que preocupa con razón á veciñanza e ao comercio local. Desde o BNG apostamos pola coordinación entre administracións e forzas de seguridade e por políticas que vaian máis alá da resposta inmediata, reforzando tamén a prevención. Ribeira necesita sentirse segura e desde o BNG imos colaborar en todo o que sexa preciso para conseguilo”.

Deja un comentario