Neste servizo aténdese de maneira gratuíta a persoas maiores en situación de dependencia moderada, co obxectivo de favorecer un envellecemento activo e saudable
O Goberno galego segue a estender por toda a comunidade estes servizos, que ademais facilitan a conciliación das familias, axudan a fixar poboación e a dinamizar as economías locais
A Xunta de Galicia segue a fortalecer a rede de recursos para o coidado das persoas maiores que viven en concellos rurais pouco poboados, coa finalidade de facer posible que cumpran co seu desexo maioritario de permanecer na súa contorna e preto das súas casas, familiares e achegados. A este obxectivo responde a rede de casas do maior que están en funcionamento por toda a comunidade e á que hoxe se suma unha máis en Fisterra, que está situada no lugar de Vilar e que é a terceira coa que conta este concello.
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, estivo esta mañá na inauguración deste servizo, no que recibirán atención gratuíta persoas con 60 ou máis anos de idade que teñan unha dependencia moderada. Estes coidados inclúen a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas para favorecer un envellecemento activo e saudable. O horario de atención será dun máximo de oito horas diarias e durante todo o ano, agás os días festivos e o mes de vacacións.
Antón Acevedo salientou a importancia das casas do maior, das que destacou que ofrecen unha atención individualizada a grupos pequenos, xa que como norma xeral cada unha delas ten un máximo de cinco usuarios. Tamén valorou o feito de que favorecen a conciliación das familias, axudan a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía local alí onde se asentan.
O programa das casas do maior é unha iniciativa que, desde que a Xunta a puxo en marcha no ano 2018 coa primeira convocatoria de axudas, está a ter moi boa acollida tanto por parte dos concellos como das persoas maiores usuarias e das súas familias. Galicia conta na actualidade cunha rede formada por uns 160 recursos deste tipo, que suman arredor de 800 prazas totalmente de balde para os maiores.
A Administración autonómica concede axudas tanto para acometer as obras necesarias para poñer en marcha o servizo como para o mantemento da actividade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.