Monday 02 de February de 2026

Xa é firme a vitoria xudicial do Concello ante o lobby israelí que pretendía censurar a información municipal


O triunfo xudicial do Concello de Oleiros ante a organización sionista Acción y Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM) xa é firme e definitivo. Tras a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña, que desestimou integramente o recurso do lobby israelí, non cabe xa máis impugnación, ratificando a legalidade da actuación municipal.

A organización pretendía censurar a campaña informativa levada a cabo polo Concello en 2024 nos paneis luminosos, onde se amosaba unha imaxe de Benjamin Netanyahu xunto á de Adolf Hitler baixo o lema “MESMAS BESTAS ASASINAS”. O obxectivo daquela acción era denunciar o xenocidio que o Goberno de Israel está a cometer contra o pobo palestino.

A xustiza, agora de xeito firme, ampara a actuación do Concello de Oleiros en base ao dereito fundamental á liberdade de expresión e á crítica política recollidos na Constitución española. Ademais, a resolución mantén a obriga para o lobby israelí de facer fronte ao pago de todas as costas xudiciais.

Malia as presións recibidas, incluídas as ameazas veladas vertidas no seu día pola embaixada de Israel contra o alcalde, esta firmeza xudicial reforza a traxectoria de décadas do Concello de Oleiros en defensa da liberdade de Palestina. O Goberno municipal continuará coas súas campañas de sensibilización, programas de cooperación e actos oficiais para denunciar o atroz xenocidio perpetrado polo Goberno de Israel, reafirmando o seu compromiso inquebrantable coa paz e os dereitos humanos.

Deja un comentario