Friday 30 de January de 2026

Unanimidade nos puntos máis relevantes do pleno ordinario de xaneiro celebrado en San Sadurniño


O Concello de San Sadurniño celebrou no serán deste xoves o primeiro pleno de carácter ordinario do ano. Unha sesión onde os principais temas foron os proxectos e a distribución do POS+ provincial e tamén a proposta de acordo para outorgarlle o nome de Rosalía de Castro á rúa que conecta Marqués de Figueroa co Pavillón Municipal. Ambos asuntos saíron adiante por unanimidade e practicamente sen debate. Con todo, o pleno deu para máis, para moito máis, habida conta de que na orde do día ían dúas mocións do BNG, unha sobre a sanidade e outra sobre o conflito do transporte, á que se lles sumou outra máis incorporada tamén polo bloque por vía de urxencia na que se demanda da Xunta o financiamento necesario para cubrir os custes do SAF. Ademais, ao ser ordinario, o pleno tamén tivo quenda para os rogos e as preguntas que estiraron a sesión ata case hora e media.

O pleno arrancou coa votación da acta da sesión anterior, que foi ratificada polo BNG e o edil socialista mentres que o PP optou pola abstención despois de sinalar que o documento estaba asinado pola secretaria titular e non pola funcionaria que a substituiu como secretaria accidental.

Tras este asunto, no que a cousa se enguedellou uns cinco minutos, déuselle o visto e prace por unanimidade á declaración de interese xeral dunha explotación agrícola, como paso previo necesario para acollerse ás bonificacións no IBI previstas polo Concello.

O terceiro punto, relativo aos proxectos e a distribución do POS, tamén saiu adiante por unanimidade e con pouco debate. A portavoz do Grupo de Goberno explicou que o Concello ten consignados 568.000 euros para este ano. Case 399.000 irán parar a gasto corrente e os case 169.000 restantes investiranse en melloras da rede viaria, concretamente no aglomerado A Fontela – O Eirexado, en Naraío, e a reparación dun pequeno tramo en Piñeiros (San Sadurniño); o asfaltado da pista dos Miguelares (Igrexafeita) e a que enlaza a estrada Ferreira- Moeche co lugar de Ramil (Lamas) e, por último, un terceiro plan para intervir en Silvalonga e Piñeiros (San Sadurniño) e tamén no Couto e Penacastrelo (Lamas).

Ademais tamén se adiantou a aprobación dos proxectos do Plan Complementario, que se executarán na medida en que a Deputación xere máis fondos ao longo do ano -por medio dos plans adicionais-, aínda que outros anos tamén se teñen levado a cabo con achegas doutras administracións. Para este exercicio estaría prevista a reparación doutras nove pistas cun investimento conxunto, segundo orzamento, de 200.000 euros.

No Plan Complementario incluiuse unha das pistas de Fontao e o camiño que conecta este núcleo de Naraío co do Piñeiro. Tamén vai o asfaltado da pista desde Moimentos -ao pé da Igrexa de Santa Mariña do Monte- ata preto dos Vilares, ademais dun tramo na Castiñeira e outro na Esperanza, os tres en Santa Mariña do Monte. Pecha o listado a mellora da pista que vai desde O Xestal até As Filgueiras, en Ferreira.

Na parte resolutiva da sesión ía tamén o punto referido á denominación da rúa C do centro urbano, que conecta a Avenida Marqués de Figueroa co acceso ao Pavillón Municipal. Este eixo pasará chamarse Rúa Rosalía de Castro, “unha muller que non require explicar a súa relevancia”, sinalou no pleno a portavoz do Executivo local. O pleno volveu pronunciarse favorablemente á proposta, e aínda que os grupos da oposición estiveron de acordo na xustificación da dedicatoria, tamén suxeriron que os futuros nomes fosen de persoas de San Sadurniño -tal e como pediu o PP- e que incluso se lle consultase ao alumnado do CPI, apuntou o edil socialista.

Mocións
Ata o momento da votación do novo nome para a rúa transcorrira pouco máis dun cuarto de hora dun pleno que acabaría durando case hora e media. E é que foi a partir deste punto cando a sesión adoptou o tono da dialéctica habitual, a raíz de tres mocións presentadas polo BNG.

A primeira centrouse na situación da sanidade pública galega e, en particular, na denuncia do progresivo deterioramento da atención, tanto en recursos humanos como materiais. No texto faise fincapé nas dificultades crecentes para acceder a unha atención primaria áxil e de calidade, nas longas listas de espera e na sobrecarga do persoal sanitario, como factores que afectan de maneira especial á veciñanza dos concellos rurais. O BNG sostén que estas carencias non son conxunturais, senón consecuencia directa das políticas de “desmantelamento” da sanidade pública propiciadas pola Xunta de Galicia nos últimos anos.

Desde esa diagnose, a moción reclamou un reforzo decidido da sanidade pública, con máis investimento, máis profesionais e unha mellor planificación que garanta a igualdade de acceso á atención sanitaria con independencia do lugar de residencia. O texto tamén defende o papel dos concellos como institucións próximas á cidadanía á hora de esixir melloras nos servizos básicos. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables do BNG e do edil do PSOE, mentres que o PP optou pola abstención, aínda que recoñeceu durante o debate que a sanidade pública galega “debe mellorar”.

A segunda moción tratada no pleno abordou o conflito laboral existente no transporte público de viaxeiras e viaxeiros na provincia da Coruña, poñendo o foco nas consecuencias que esta situación -que ameaza cunha folga indefinida- ten sobre a mobilidade diaria da poboación, especialmente en zonas rurais como San Sadurniño. O documento lembra que o transporte público non é un servizo privado calquera, senón unha concesión administrativa, polo que a Xunta de Galicia ten responsabilidades directas na súa planificación, funcionamento e control. O BNG considera que a falta de implicación do Goberno galego agrava os problemas existentes e ameaza con deixar á veciñanza sen alternativas reais de desprazamento.

A proposta insta á Xunta a asumir un papel activo na resolución do conflito, garantindo un servizo público estable, seguro e de calidade, así como condicións laborais dignas para as persoas traballadoras do sector. A moción contou co apoio do BNG e do único concelleiro do PSOE, mentres que o PP votou en contra ao entender que o problema “deben solucionalo a patronal e os traballadores”. O alcalde respondeu a esta posición incidindo, unha vez máis, en que, ao tratarse dunha concesión pública, a Administración autonómica “ten responsabilidades políticas” que non pode eludir.

A terceira moción, incorporada á orde do día pola vía da urxencia antes do apartado de rogos e preguntas, referiuse ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar. O BNG expuxo que os SAF son un servizo esencial para garantir unha vida digna e no seu entorno ás persoas maiores ou en situación de dependencia. Porén, o grupo nacionalista denuncia un grave infrafinanciamento por parte da Xunta de Galicia, que só financia 12€ por hora efectiva de prestación -non financia o tempo de desprazamento-, obrigando aos concellos a asumir máis da metade do custo real do servizo, cuantificado en 24 euros por hora.

A moción reclama un financiamento xusto e suficiente, adaptado aos custos reais do SAF, así como un cambio de modelo que avance cara a un verdadeiro sistema público galego de coidados, con atención integral e de calidade en todo o territorio. Entre as demandas inclúese o incremento progresivo da achega da Xunta até asumir o 100 % do custo do servizo e a creación dun organismo público específico para a atención á dependencia. A iniciativa foi aprobada cos votos do Grupo de Goberno, mentres que o edil do PSOE e a representación do PP optaron pola abstención.

Xa na parte final da sesión, a oposición formulou varios rogos e preguntas. O edil do PSOE, Juan Alberto Rivera Franco, solicitou que o Concello continuase presionando onde correspondese para contar cun tren de calidade. Pola súa banda, o concelleiro do PP, José Luis Hermida Prieto, queixouse de que o Concello lle cobrase o prezo recollido na ordenanza por facer fotocopias de documentación relacionada co pleno. O concelleiro tamén preguntou pola reparación, aínda pendente segundo asegurou, dun tramo da iluminación pública de Cornide.

En relación coas obras viarias, o Partido Popular tamén preguntou na voz de Esther Díaz Vergara, polos motivos de levar a cabo máis de un proxecto nunha mesma pista municipal “en vez de facelos todos xuntos”. Díaz Vergara interesouse, ademais, polas previsións de devolución dos importes cobrados de máis no recibo do lixo. A secretaria-interventora municipal precisoulle que hai tan só uns días que se enviou a resolución e o listado de persoas que teñen domiciliado o pagamento e o daquelas que solicitaron a devolución, xa que houbo persoas que aínda achegaron os seus datos neste mes de xaneiro “e a Deputación non nos acepta que lle enviemos hoxe un listado e dentro de quince días outro, hai que mandalo todo”.

A última en intervir foi a portavoz do PP, María Belén Trigo, para preguntarlle ao Goberno que medidas se implementaron “despois de 18 anos” para fomentar a vivenda para a xente nova. Secundino García Casal lembroulle que o Concello non ten competencias en vivenda e que “ata agora estivemos implementando as medidas da Xunta de Galicia, que foron cero”, ironizou o alcalde. Con todo, o rexedor puxo en valor que o Concello crease a bonificación do imposto de construcións e obras “que pode ser de 3.000 ou 4.000 euros nunha rehabilitación integral”, de maneira que en San Sadurniño pode ser de ata o 95%, “mentres que a Xunta che dá 3.000 euros como máximo despois de cubrir unha chea de papeis”.

Deja un comentario