A celebración do consello parroquial de Goiáns levantou moita expectación, pero esta vez non fai tanto polo contido coma polo continente. A veciñanza quería ver por dentro o novo centro social, que era a gran demanda da parroquia e que por fin é unha realidade. “Este edificio é voso. Agora hai que darlle vida, e para iso contades coa colaboración do concello”, dixo o alcalde.
Daniel Pérez presidiu a xuntanza acompañado polo concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Varela, e o de Obras, Luis Lamas, así como pola concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez.
Luis Lamas fixo un repaso ao intenso proceso de consecución do edificio, desde que a veciñanza presentou a demanda ata que puido materializarse, pasando por unha votación popular para elixir o emprazamento, unha modificación urbanística, a redacción do proxecto coas achegas veciñais, a licitación, a construción… A partir de agora, coma no resto das parroquias, o edificio será xestionado polas entidades, e nese sentido Maruxa Suárez, como concelleira responsable dos centros sociais, animou á veciñanza a organizarse, a dinamizar o local e a trasladarlle as necesidades derivadas das actividades que se leven a cabo.
Ramón Varela, pola súa banda, dou conta dos dous principais proxectos que van acometerse neste mandato na parroquia de Goiáns, froito das propostas do propio consello parroquial. Por unha banda, a mellora da accesibilidade na AC-414, tras a obra realizada pola Xunta de Galicia na calzada, o que permitirá acondicionar 1.250 metros de beirarrúas e facilitar os accesos ás vivendas. O orzamento acada os 146.087 euros, e xa hai proposta de adxudicación, polo que os traballos empezarán en breve. Por outra parte, a ampliación da rede de saneamento en Bas, que sairá a licitación proximamente cun investimento de 162.486,89 euros.
O alcalde pediu á veciñanza que establezan as novas prioridades de proxectos xerais, e que non agarden ao consello parroquial para trasladar peticións puntuais ou individuais, senón que teñan como referencia ao concelleiro de Participación Veciñal para tentar solucionalas o antes posible. Do mesmo xeito, animou á parroquia a organizar a inauguración do centro social, para o cal contará coa colaboración do concello.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.