A actuación, de carácter anual, busca lembrar o legado dunha das grandes figuras da música clásica nacional
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a actuación da Orquestra de Cámara Galega deste domingo, na que será unha nova edición da homenaxe a Rogelio Groba que promove a Fundación Gobra. O concerto será este domingo 1 de febreiro ás 19.00 horas no Teatro Colón, con entrada de balde ata completar capacidade.
”Este concerto propón un percorrido por algunhas das obras máis representativas dun dos grandes compositores galegos contemporáneos, unha figura esencial non só pola súa extraordinaria produción musical, senón tamén polo seu papel como creador, pedagogo e impulsor de proxectos que marcaron un antes e un despois na vida musical do noso país”, indicou Castro. No acto tamén participou Rogelio Groba Otero, fillo do compositor e director da Orquestra de Cámara Galega.
O concerto será interpretado pola Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, e contará coa actuación especial como solista do pianista Pablo Diago Busto, que ofrecerá un programa especialmente deseñado para render tributo á figura e ao legado musical do compositor Rogelio Groba.
A figura de Rogelio Groba representa unha achega esencial ao desenvolvemento da música clásica española, contando cunha obra importante e prolífica. Esta homenaxe pretende achegar o seu legado compositivo ao gran público e manter viva a súa memoria “a través dun programa especialmente elixido no que se manifestan os seus tres estéticas principais nas que edificou unha obra única e persoalmente orixinal”, en palabras do director da Orquestra de Cámara Galega.
Gonzalo Castro convidou a toda a cidadanía a gozar dunha velada musical nun espazo emblemático como o Teatro Colón. “Iniciativas coma esta poñen en valor o noso patrimonio musical, recoñecen ás figuras fundamentais da cultura galega e achegan a creación contemporánea á cidadanía. Este concerto é tamén unha oportunidade para seguir fortalecendo a relación da cidade coa música de calidade e co talento que nace e medra no noso país”, expresou o edil.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.