José Manuel Lage, voceiro do Goberno municipal, reuniuse hoxe coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e co alcalde do municipio cullerdense, José Ramón Rioboo
Ata 35 taxistas da Coruña poderán operar no aeroporto, ben na parada, ben como bolsa de reforzo do servizo
O Concello da Coruña chegou hoxe a un principio de acordo co Concello de Culleredo e a Xunta para reforzar o servizo de taxis no aeroporto de Alvedro e, desta forma, mellorar os medios de transporte dispoñibles á terminal, acordo que abre a porta a que por primeira vez taxistas da Coruña poidan recoller pasaxeiros no aeródromo.
Esta mañá, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, reuniuse coa directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judit Fontela, e co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, para valorar a situación actual e tamén as posibilidades existentes para facer máis fluido o tránsito de pasaxeiros en sentido de entrada e saída ao aeroporto coruñés. No encontro participaron tamén outros cargos da Xunta así como director da Mobilidade do Concello, Luis Vázquez.
“Para nós, o prioritario é que haxa un bo servizo de taxis no aeroporto”, indicou Lage, que tamén expuxo que o convenio non supón unha satisfacción plena mais si é un avance, xa que abre a posibilidade de que os taxistas da Coruña poidan prestar o servizo. Lage deixou
claro que a prioridade é darlle servizo con seguridade xurídica aos cidadáns.
No encontro propuxéronse algúns cambios sobre a proposta inicial para simplificar a ordenación das quedas e a operativa. Así, o servizo prestarase na parada por 10 taxis de Culleredo seguidos doutros 5 da Coruña e, tras eles, o resto de licencias de Culleredo. O aeroporto habilitará unha explanada contigua á parada para que poida estacionar alí a bolsa de reforzo do servizo composta por 30 taxis da Coruña que ofrecerán servizo en caso de que non sexa suficiente o número de vehículos estacionados na parada. Ademais, o aeroporto reordenará os carrís de circulación para simplificar o tránsito rodado e evitar irregularidades.
O Concello leva reclamando moito tempo melloras no transporte en taxi entre A Coruña e Alvedro, un servizo que non cubre a demanda e que deixa a moitas persoas sen transporte desde o aeródromo ata a cidade. O Concello da Coruña non ten competencias para regular estes vehículos noutro termo municipal. O acordo alcanzado hoxe é un primeiro paso para mellorar a situación e engade seguridade xurídica para os taxistas da Coruña, mais non ofrece unha solución definitiva que o Concello seguirá a buscar.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.