O BNG de Ribeira acaba de presentar unha proposta alternativa ao Plan de Obras e Servizos (POS) elaborada a partir do diálogo directo coa veciñanza das parroquias e co obxectivo de priorizar os servizos públicos básicos. A contía deste ano 2026 ascende a 1,7 millóns de euros que a Deputación transfire ao Concello de Ribeira.
O portavoz municipal do BNG e exalcalde, Luís Pérez Barral, explicou que “levamos moito tempo percorrendo as parroquias, escoitando á xente e coñecendo de primeira man cales son as necesidades de cada lugar. A nosa proposta nace dese traballo constante e do compromiso coa participación veciñal”.
Desde o BNG destacan que as actuacións propostas céntranse fundamentalmente en saneamento, abastecemento de auga potable e pavimentacións, cuestións que seguen a ser prioritarias para a xente que vive nas parroquias do concello. “Falamos de investimentos que melloran a calidade de vida da veciñanza e que responden a demandas históricas, non de decisións tomadas desde un despacho”, sinalou Pérez Barral. Neste sentido, o portavoz nacionalista lamentou que o actual goberno do PP “volva ás vellas formas de gobernar, presentando unhas obras sen debate previo, sen consenso e sen escoitar á veciñanza, nin aos grupos da Corporación Municipal”. Para o BNG, “non abonda con simular que se atende á xente; hai que escoitar de verdade e decidir en función do que a poboación demanda”.
“Ribeira merece un goberno que planifique contando coa súa xente por iso desde o BNG seguiremos facendo un traballo serio, construtivo e en positivo”, concluíu Pérez Barral.
Propostas de actuación do BNG por parroquias:
Artes: nova pavimentación e beiravías para a estrada Outeiro a Gude.
Corrubedo: renovación do parque infantil e reforma da rúa número 6.
Castiñeiras: pavimentación da estrada da Aldea e Poi.
Oleiros: arranxo do paseo do Río Artes e seguir extendendo o saneamento na parroquia.
Olveira: pavimentación da pista de Sirves e beirarrúas desde a igrexa ata a Casa da Cultura.
Carreira: renovación das beirarrúas do Vilar e saneamento e renovación de servizos de saneamento, abastecemento e pavimentación na zona da Parte ao Río. Tamén unha vella reinvidicación é a reforma e renovación da casa da cultura.
Palmeira: 2ª fase da renovación do saneamento, auga potable e pavimentación da rúa Agriña e 1ª fase do saneamento a Cudieiros.
Aguiño: 2ª fase do abastecemento de auga potable da rúa da Cerca e pavimentación da mesma.
Ribeira: primeira fase da pavimentacións da Avenida de Ferrol e pavimentación da rúa Barreiro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.