• A alcaldesa preguntou tamén polo estado de execución no que se atopan os tres convenios de colaboración asinados entre o IGVS e o Concello de Ribeira
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, mantivo esta mañá unha reunión de traballo en Santiago de Compostela co director xeneral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, na que ambos abordaron a posibilidade de que o municipio poida acoller o desenvolvemento de vivenda pública nun futuro próximo.
“Dun tempo para aquí, o acceso á vivenda converteuse nun dos grandes problemas que teñen os veciños. A Xunta de Galicia está a levar a cabo unha importante aposta pola construción de vivenda pública e o Concello de Ribeira non quere perder esta oportunidade”, apuntou Sampedro.
Preocupación polos convenios asinados
A alcaldesa aproveitou tamén a cita para preocuparse polo estado de execución no que se atopan os tres convenios de colaboración asinados entre o IGVS e o Concello de Ribeira, e enmarcados no fondo de cooperación e financiamento para a rehabilitación e conservación do patrimonio nos municipios de menos de 50.000 habitantes.
O primeiro deles, asinado no 2022 e que afecta a contorna da zona de Romero Ortiz, ten boa parte dos fondos executados. Non sucede o
mesmo, explicou Sampedro, co que atañe á mellora e reordenación do espazo público na DP-7305, na parroquia de Carreira, onde, o anterior Goberno local non foi capaz de comprometer, nin de mobilizar nin un só euro para esta actuación.
“Falamos de fondos destinados a mellorar o noso municipio e que están en risco pola incapacidade para xestionar e a parálise que Ribeira viviu nos últimos anos”, lamento a rexedora.
Lonxe de quedarse aquí, Sampedro lamentou tamén que non se “movese nin un dedo” para executar os 893.000 euros recollidos no terceiro dos convenios, destinado a poñer en marcha a reconstrución da chamada “Casa do Gran Sol”, inmoble destinado a albergar un servizo tan importante como é a Biblioteca Municipal. Con respecto á dotación económica para esta infraestrutura “hai que recordar que o anterior goberno perdeu a segunda anualidade de 385.000 euros”, recordou a alcaldesa.
“Algúns terán que dar explicacións por todo isto, pero o que no vai a facer este Goberno local e quedar de brazos cruzados. Imos pelexar por todos e cada un dos euros que poidamos rescatar para levar a cabo actuacións no noso concello”, apuntou Sampedro, quen agradeceu a boa predisposición mostrada por IGVS para colaborar co Concello de Ribeira.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.