O investimento previsto é de 165.000 euros e os traballos arrincarán entre os días 1 e 2 de febreiro, se as condicións meteorolóxicas son favorables para o seu desenvolvemento
A rúa Posse e a glorieta da avenida do Exército coa rolda de Outeiro marcarán o punto de partida da nova campaña de asfaltados que promoverá o Concello nas calzadas municipais, co obxectivo de renovar o firme en puntos máis expostos á intensidade do tráfico rodado, co desgaste conseguinte do pavimento.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou desta primeira quenda de traballos no que vai de ano, unha actuación impulsada ao abeiro da programación de mantemento e conservación de calzadas, un plan de continuidade que a finais do ano pasado permitiu acometer melloras en rúas como Juan Flórez, a contorna de Casablanca e José Echegaray e tamén na glorieta da Universidade.
“Agora, daremos un paso máis actuando ao longo da rúa Posse e na rotonda da avenida do Exército coa rolda de Outeiro, onde hai unha elevada intensidade de tráfico. No caso da rúa Posse existe un elevado volume de vehículos de reparto, propio dunha zona comercial; e na avenida do Exército, predomina o transporte pesado pola cercanía do porto”, explicou Díaz.
Segundo precisou a edil, actuarase sobre unha superficie de 8.550 metros cadrados.
O investimento previsto polo Concello nesta quenda de actuacións é de algo máis de 165.000 euros, e a duración dos traballos será de aproximadamente unha semana, con data de inicio entre os días 1 e 2 de febreiro, se as condicións meteorolóxicas son favorables para o seu desenvolvemento.
Durmideiras e a primeira fase de Elviña, na programación prevista
Ademais das actuacións de asfaltado na rúa Posse e na glorieta da avenida do Exército coa rolda de Outeiro, o Concello xa está a valorar as vindeiras intervencións neste eido. A previsión é que as seguintes no calendario se executen ao longo da rúa Vicente Ferrer, na primeira fase de Elviña, e tamén na rúa Juan Sebastián Elcano, en Durmideiras.
O investimento conxunto nestas dúas actuacións será de 251.000 euros. Na práctica, isto quere dicir que a primeira tanda de asfaltados deste ano nas calzadas municipais suporá un investimento total de 417.000 euros.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.