“Antropoceno”, de Fernando Moleres, estará dispoñible ata o 30 de xuño, e os centros escolares da cidade poderán facer visitas gratuítas
O Aquarium Finisterrae acolle ata o 30 de xuño a exposición fotográfica Antropoceno, de Fernando Moleres. O Antropoceno é a nova época xeolóxica que a humanidade creou alterando o clima, a xeoloxía e o ecosistema planetario.
As causas son o modelo de produción de enerxía a partir dos combustibles fósiles e o excesivo consumo de recursos dunha poboación que non deixa de crecer. As consecuencias son alteracións no clima, no ciclo da auga, a destrución de ecosistemas mariños e terrestres, o aumento de fenómenos meteorolóxicos extremos, a acidificación dos océanos, o desxeo da criosfera e o incremento do nivel do mar. A solución, explican os promotores da exposición, está en utilizar fontes de enerxía renovables e non contaminantes, e no uso responsable dos recursos naturais. Ignorar os riscos pode resultar extremadamente custoso.
A mostra, que se presentou na sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae, quere manter o seu obxectivo de fomentar a sensibilización social cara á crise ambiental que estamos a vivir. Contén cincuenta imaxes que percorren as balsas de decantación da mina de Riotinto (Huelva), con lodos alaranxados repletos de substancias tóxicas, a central eléctrica de carbón de Belhatów (Polonia), a máis grande e contaminante de Europa, refuxiados climáticos asentados nos suburbios de Accra (Ghana) o parque fotovoltaico Núñez de Balboa (Badaxoz), o maior de Europa, a planta termosolar de Cerro Dominador (Chile), a máis grande de América, o lixo electrónico enviado ilegalmente a Ghana para evitar custos de reciclaxe, ou o glaciar Birch, que colapsou e sepultou o pobo de Blatten, en Suíza.
Tamén hai imaxes de escenarios máis próximos, como a dun grupo de mulleres en labores de limpeza na costa de Fisterra tras a vertedura do petroleiro Prestige, dos incendios en Galicia durante o verán de 2025, ou das mariscadoras das Rías Baixas, unha actividade que segue un plan de competitividade e sustentabilidade.
Os centros escolares do Concello da Coruña poderán facer visitas grupais gratuítas. Os de fóra da cidade, logo da solicitude previa, tamén poderán solicitalas durante o mes de febreiro. Os centros membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias tamén poderán acceder sen custo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.