Onte comezaron os traballos para derrubar o galpón situado no cruzamento entre ambas as rúas, o que permitirá dar resposta a unha demanda da veciñanza e unificar a superficie verde alí existente
O Concello iniciou onte os traballos de demolición dun pequeno galpón existente no cruzamento das rúas San Diego e Petín —no percorrido entre A Gaiteira e A Cubela—, unha actuación que forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza da zona.
Tal e como informou hoxe a alcaldesa, Inés Rey, a recuperación da superficie que ocupaba o galpón permitirá suprimir un tapón urbanístico que impedía a unificación dun pequeno ámbito axardinado nesta parte do barrio, onde o Concello creou a mediados do ano 2021 un pequeno parque biosaudable.
Xa entón, e debido á existencia de pequenas parcelas privadas neste enclave —fragmentadas—, a ampliación do parque e das áreas verdes lindeiras quedaron suxeitas á adquisición ou expropiación de diversas superficies de titularidade particular. “E estas expropiacións fóronse facendo pouco a pouco, en virtude dos acordos que se foron acadando coas súas respectivas persoas propietarias”, apuntou a rexedora, que fixo fincapé no traballo de continuidade existente á hora de abordar expedientes con propietarios múltiples.
No caso do galpón, a súa adquisición por parte da Administración municipal supuxo, no seu momento, un desembolso de 240.000 euros. Agora, o Concello procede á súa demolición e gaña así máis espazo público no barrio. Unha vez que remate a retirada dos escombros e se nivele o chan, está previsto iniciar as tarefas de adecuación da superficie. Unha das posibilidades que se está a barallar é o seu axardinamento.
“Desta forma, tentamos dar resposta a unha das principais demandas das veciñas e veciños nesta parte do barrio. Cónstanos que era así desde hai tempo e, agora, completamos os trámites para facelo posible”, expuxo Inés Rey.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.