O pleno do Concello de Oleiros aprobou demandar á Xunta de Galicia o financiamento do 100% do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Con esta iniciativa denunciase que a Xunta está a incumprir as súas competencias, o que impide abordar todas as melloras para unha óptima prestación deste imprescindible servizo público.
Actualmente, a Xunta transfire unha contía por hora que non cobre o custo real que o Concello paga polo servizo. Mentres o convenio asinado entre a FEGAMP e a Xunta proxecta un incremento ata os 18 euros/hora para 2028, o custo real en Oleiros xa se sitúa hoxe nos 24 euros/hora. Esta diferenza obriga ao Concello a detraer recursos de áreas que si son competencia municipal como obras, cultura ou deportes para evitar o colapso dun sistema de dependencia que segundo a Lei de Dependencia debe estar financiado ao 100% polo Estado e a Xunta.
A moción alerta de que o sistema de atención á dependencia camiña cara ao colapso debido á xestión do Goberno autonómico do Partido Popular. Entre os principais problemas sinalados destacan o atraso nas valoracións de dependencia e a precariedade laboral das traballadoras do SAF, cun convenio colectivo caducado hai máis dunha década.
Desde o Concello de Oleiros lémbrase que xa se propuxo ao resto de municipios da provincia a presentación dunha denuncia conxunta contra a Xunta de Galicia. “É necesario deixar de lado os intereses partidistas e esixir o cumprimento íntegro do financiamento da Lei de Dependencia para acabar cos abusos da administración autonómica”, recolle o texto aprobado.
Así, o pleno acordou instar á Xunta a incrementar de xeito inmediato o financiamento do SAF ata o 100% do custo real e avanzar cara un novo modelo de atención para as persoas dependentes, que parta do diálogo con todas as partes implicadas para que se poida mellorar realmente a calidade do servizo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.