Thursday 29 de January de 2026

O Concello de Carballo presenta o plan de dinamización do mercado municipal e a creación da asociación profesional A Praza


O Concello de Carballo presentou este xoves o Plan de dinamización do mercado municipal, unha iniciativa que busca reforzar o vínculo entre a veciñanza e o mercado, favorecer o comercio de proximidade e impulsar unha programación estable de accións ao longo do ano. Durante o acto tamén se fixo pública a recente creación da asociación A Praza, que agrupa ás persoas profesionais do mercado municipal, e que estivo representada pola súa presidenta, Ángeles Bello, e o tesoureiro, Óscar Vázquez. Xunto a eles estiveron o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela.

 

O concelleiro destacou que o novo plan de dinamización supón “un paso decisivo para consolidar o mercado como un espazo vivo, moderno e adaptado ás necesidades actuais, mantendo intacto o esencial: a calidade do produto e a confianza coa clientela”. Ramón Varela incidiu tamén na importancia da programación continua, xa que “a dinamización non pode ser unha acción puntual: debe ser unha estratexia sostida no tempo para que a actividade do mercado se note na vida diaria de Carballo”.

 

Entre outras moitas accións, o plan de dinamización inclúe a posta en marcha dunha tarxeta de fidelización coa que a clientela poderá conseguir selos por cada compra realizada nos postos do mercado. Ao completar 21 selos, a persoa participante poderá depositar a tarxeta na urna instalada na entrada e entrar no gran sorteo final, que se celebrará en decembro. Os premios consisten en vales de compra para gastar nos distintos postos do mercado:

  • 1º premio: 700 € en vales de 50 €
  • 2º premio: 420 € en vales de 30 €
  • 3º premio: 280 € en vales de 20 €

 

A Praza: organización e forza colectiva do mercado

No acto, celebrado entre os postos do propio mercado, presentouse a asociación A Praza, que nace co obxectivo de representar ao sector e colaborar na mellora e promoción do mercado municipal. A presidenta, Ángeles Bello, puxo en valor “a unión e o compromiso” das persoas profesionais: “A Praza nace para sumar, para propoñer e para facer do mercado un espazo aínda máis próximo, participativo e atractivo”.

 

Pola súa parte, o tesoureiro, Óscar Vázquez, sinalou que “o mercado municipal ten moita vida e moita calidade, e o que facemos coa asociación é crear unha ferramenta común para organizar iniciativas, apoiar a dinamización e defender un modelo de compra responsable e de proximidade”.

 

O mercado como eixo do comercio local

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, pechou o acto facendo fincapé no papel do comercio local e do mercado municipal como espazo estratéxico para o municipio: “O mercado municipal non é só un lugar para mercar: é un espazo de encontro e identidade, un motor económico e unha garantía de produto fresco e de calidade”.

 

Daniel Pérez destacou tamén a importancia do traballo conxunto entre institucións e sector: “A creación da asociación A Praza é unha gran noticia para Carballo porque significa organización, colaboración e visión de futuro. E desde o Concello seguiremos apoiando todo o que contribúa a manter vivo o noso mercado e o noso comercio”.

 

PRIMEIRAS ACTIVIDADES

O plan de dinamización do mercado municipal estenderase ao longo de todo o ano en colaboración con todos os postos, tanto interiores coma exteriores, incluídas as asociacións do ámbito social que teñen as súas sedes provisionais no edificio. O obxectivo é que cada mes se desenvolva como mínimo unha actividade vinculada a algún dos sectores presentes na praza. No acto deste xoves fíxose público o programa correspondente ao primeiro cuadrimestre.

 

XANEIRO

  • Presentación da tarxeta de fidelización do Mercado Municipal (activa todo o ano 2026).
  • Presentación da asociación de profesionais A PRAZA.

FEBREIRO

  • Entroido no mercado:
  • Xoves, 12 de febreiro: Petiscos de Antroido, elaborados con produtos do mercado típicos da época. Do 2 ao 12 de febreiro, por cada compra en calquera dos postos do mercado entregarase un vale que dará dereito a probar os petiscos do día.
  • Venres, 13 de febreiro: sorteo da cesta do Antroido, con produtos dos distintos postos do mercado. Por cada compra entregarase un boleto que a clientela deberá cubrir e depositar nunha urna que estará situada na entrada da rúa Gran Vía a partir do martes 3 de febreiro
  • Sábado, 14 de febreiro: dentro da xa tradicional campaña “Carballo levámolo dentro”, por cada 25 euros de compra entregarase unha bolsa de tea e un pin (tíckets acumulables do 2 ao 14 de febreiro, que poderán entregarse na conserxaría o venres 13 e o sábado 14).

MARZO

  • MercaEscola: o 2 de marzo arrincará a terceira edición da aula formativa para persoas adultas, na que se abordan cada semana cuestións relacionadas co consumo, o medio ambiente, a saúde e os servizos públicos. Inscrición en carballo.gal a partir do luns 2 de febreiro.
  • Mes das persoas consumidoras: marzo é o mes das persoas consumidoras, e para celebralo sortearemos 10 carriños da compra o día 15. Os boletos poderán conseguirse con cada compra nos postos do mercado entre o 2 e o 14 de marzo.

ABRIL

  • Mércores, 7: Día Mundial da Saúde. Ao longo do mes realizaranse accións relacionadas coa promoción de hábitos de vida saudable.
  • Martes 31 de marzo e mércores 1 de abril: Pascua no mercado. Por cada compra en calquera posto entregarase un boliño de Pascua (ata fin de existencias).

Deja un comentario