O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, participaron esta semana nunha xuntanza no Centro Sociocultural do Ensanche (CSC) para presentar o anteproxecto para a reurbanización da rúa Santiago de Chile e a Praza de Vigo. Comezou así o proceso de participación e escoita.
“Temos os anteproxectos e queremos escoitar a veciñanza para tomar nota das súas observacións, propostas e inquedanza, por iso quixemos abrir este proceso de participación”, defendeu Iago Lestegás ante as persoas que se deron cita no centro sociocultural. Os concelleiros deron conta do proxecto piloto cos planos e imaxes dos anteproxecto e as veciñas e veciños que asistiron ao encontro formularon as súas primeiras inquedanzas e pudieron resolver dúbidas sobre este proxecto inicial para o que se abriu o proceso participativo.
Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo anunciou que na web do Concello, no apartado de Transparencia, habilitouse un cartafol con toda a documentación dos dous anteproxectos para Santiago de Chile e Praza de Vigo (planos, imaxes…) para que todo o mundo poida consultala. Ademais, a web municipal tamén contará cun formulario online a través do cal a veciñanza pode facer achegas. Estas achegas sumaranse ás que xa se fixeron na reunión desta semana, suxestións das que o Concello xa tomou nota. “A veciñanza do Ensanche tamén ten dereito a espazos públicos de calidade”, defendeu Iago Lestegás.
O anteproxecto é o inicio dun proceso colectivo de escoita coa veciñanza, un punto de partida para a transformación do ámbito da cidade de Santiago máis densamente poboado. Esta densidade de poboación (cunha masa de máis de 14.600 habitantes), propicia que teña un comercio con vitalidade, pero tamén presenta carencias en espazos públicos para as persoas.
Trátase dun modelo propio deste século, con eixos e nós verdes multifucionais, onde a circulación é unha de entre moitas funcións do espazo público. O modelo de intervención no viario público,que parte de estudos previos, busca que haxa beirarrúas máis anchas (3,6 metros) e accesibles, unha calzada central (dirección única e un só carril, 3,2 metros), e dúas bandas laterais de 2,2 metros para usos múltiples.
Actualmente, Santiago de Chile conta cunha anchura de 15 metros, dos que 10 están adicados aos coches e cinco aos peóns. Polo tanto, hai un predominio do vehículo na distribución do espazo público, ademais de árbores escasas e unha rede de saneamento unitaria (pluvias e fecais). Co proceso que se abre, como dixo Iago Lestegás na reunión, ábrese un proceso participación de definición da superficie que se destinará a cada uso.
Fronte a un espazo practicamente dedicado aos coches, a proposta pasa por unha calzada central con 3,2 metros (espazo compartido por vehículos e bicicletas), dúas bandas laterais de 2,2 metros (con diferentes usos –árbores, bancos, terrazas–) e beirarrúas de 3,6 metros. Este modelo permite afastar as árbores das fachadas (porque as beirarrúas son máis altas), o que favorece que poidan medrar sen provocar molestias.
Praza de Vigo
Relacionado con este anteproxecto, a reunión tamén serviu para dar a coñecer o modelo para a Praza de Vigo. Actualmente, ten un estacionamento soterrado que vai continuar nese mesmo lugar, pero o anteproxecto reformula os accesos e a configuración deste espazo público para gañar a praza para a cidadanía, aproveitando a viseira que cobre o acceso ao párking para facer un pequeno anfiteatro para unha zona aberta con tratamento vexetal, rodeado de árbores e cun pavimento de calidade, mantendo a zona de xogos infantís.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.