Santiago Freire critica que os Orzamentos de 2026 “supoñen unha caída do 60% da inversión en Noia, a paralización de proxectos como o centro de día para maiores na Chaínza e non recollan nin un euro para os centros educativos municipais”
Asegura que a Liquidación do Orzamento de 2024 e a falta de consignación orzamentaria para aplicar a RPT demostran que a moción de censura “foi unha campaña de desprestixio e difamación co único obxectivo de repartirse o poder entre PSOE, Marea e un tránsfuga”
O PP de Noia non apoiará a proposta de Orzamentos do Goberno municipal para 2026, un dos máis prexudiciais do que vai de século para os veciños e veciñas do municipio xa que reducen drasticamente a inversión, incrementan as taxas municipais e demostran a nula capacidade de xestión de PSOE e BNG, o que se traduce na paralización de proxectos fundamentais para Noia como o centro de día para maiores da Chaínza.
O voceiro e presidente local do PP, Santiago Freire, sinala que “os Orzamentos de 2026 supoñen unha caída do 60% da inversión en Noia: dos 2,2 millóns de euros aprobados polo meu equipo de Goberno nos anteriores Orzamentos aos 872.771 euros do PSOE e a Marea, co aplauso do BNG. As cifras son as que son, por moito que logo se fagan discursos grandilocuentes e propaganda”.
Incapacidade de xestión
Unhas contas que poñen de manifesto “a incapacidade do alcalde e do tenente alcalde para xestionar calquera tipo de axuda ou proxecto relevante para Noia diante doutras Administracións”, lamenta Freire Abeijón, quen sinala que “fronte á propaganda, visitas para sacarse a foto e cortinas de fume do Goberno municipal, as súas propias cifras demostran o que levamos denunciando dende o primeiro día: a súa nula capacidade para xestionar nada en favor dos veciños e veciñas de Noia”.
De feito, cando se analizan polo miúdo os proxectos de investimento, chama a atención que os únicos que están perfectamente detallados son aqueles que xa deixara xestionados o Goberno presidido por Santiago Freire, como son os 182.770 euros da reposición do pavimento en Sobreviñas, unha pavimentación en Eiroa, a mellora do sistema de filtración de auga na piscina municipal, a mellora da pavimentación na rúa Pintor Francisco Ceo, a reparación do pozo principal de bombeo de Abruiñeiras. Tamén se observa que non se contempla ningunha actuación na rúa Outonil, que considera prioritaria e onde o anterior goberno de Santiago Freire xa tiña aprobado un estudo de detalle coas novas rasantes e o seu acondicionamento. O resto das cifras son todas partidas xenéricas e sen proxectos que os respalden.
“Non hai ningún proxecto relevante que supoña un modelo innovador ou unha aposta de futuro para Noia. Todo son propostas de pequenas actuacións para desenvolver a través deses contratos menores que tanto criticaban PSOE e Marea cando estaban na oposición”, lamenta Freire Abeijón.
Propaganda e falta de proxecto
O voceiro e presidente local do PP lamenta tamén que o Goberno trate de enganar á veciñanza á hora de valorar estes Orzamentos de 2026. “O BNG fala de investimento sen precedentes e do pacto da auga sacando peito por partidas de 480.000 euros en saneamento e 127.000 para abastecemento, cando o Goberno do PP de Noia conseguiu 3 millóns de euros para a depuradora e 1,2 millóns de euros para a potabilizadora, ademais de numerosos investimentos todos os anos que xa están desfrutando os veciños e veciñas de todas as parroquias”, apunta Freire Abeijón.
“A Marea presume de que nunca se investiron tantos recursos propios en servizos esenciais e priorizar os servizos básicos. Pois nin a educación nin a terceira idade deben estar entre os intereses do tenente de alcalde porque nestes Orzamentos non se recolle nin un euro para os centros educativos municipais nin para o centro de día para maiores na Chaínza, o que demostra que tiñamos razón cando diciamos que o PSOE decidiu por motivos políticos paralizar esta importante infraestrutura para a terceira idade que ía ser cofinanciada pola Xunta de Galicia, xa que non puido cubrir a achega municipal”, lamenta o voceiro municipal.
Moción inxustificada
Finalmente, o voceiro e presidente local do PP sinala que “no Orzamento de 2026 non hai consignación orzamentaria para aplicar a Relación de Postos de Traballo do Concello de Noia, argumento utilizado polo concelleiro tránsfuga para non apoiar os Orzamentos de 2024, pasarse primeiro ao grupo mixto e apoiar a moción de censura despois. Agora que o PSOE e a Marea fixeron exactamente o mesmo, vai actuar da mesma forma? Se é coherente con todo o que leva dito debería votar en contra destas Contas mañá xoves, imos ter un tránsfuga dobre?”.
Ademais, Santiago Freire sinala que a Liquidación do Orzamento de 2024, que se aprobará na mesma sesión, demostra que o seu Goberno cumpriu o principio de estabilidade orzamentaria, que deixou un superávit orzamentario e un significativo remanente de Tesourería, así como un Período Medio de Pago a provedores dentro dos límites establecidos pola lexislación. “Os números son teimudos pero demostran que non había ningunha razón real para a moción de censura máis aló dos intereses persoais dalgunhas persoas, que iniciaron unha campaña de desprestixio e difamación cun único obxectivo: quítate ti para poñerme eu”, conclúe o voceiro popular.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.