• A iniciativa, defendida por Gonzalo Muíños, insta a reforzar os servizos de conservación e reparación de pavimentos en zonas como a rúa Lisboa (Fontiñas), Burgo das Nacións, N-634 ao seu paso de San Lázaro ou en Volta do Castro
• Tamén se aprobou a proposición da concelleira Marta Álvarez para axilizar o pagamento das nóminas impagadas ao persoal dos centros socioculturais
O pleno da Corporación Municipal aprobou este xoves a execución dun programa urxente de reparación da rede viaria. Unha iniciativa que levaron a pleno as concelleiras non adscritas nunha sesión na que o goberno local non elevou ningunha cuestión propia. Segundo explicou Gonzalo Muíños, as chuvias dos últimos meses e a deficiente xestión do mantemento provocou a “aparición e reaparición” de baches, fochancas e afundimentos do firme que “están a afectar tanto a vías principais como outras secundarias” xerando problemas de seguridade viaria, “dificultades para a mobilidade cotián e un evidente deterioro do espazo público”.
Entre as rúas nas que Muíños reclamou unha actuación urxente, aínda que provisional á espera de actuacións de maior calado, están a rúa Lisboa (Fontiñas), tramos de Burgo das Nacións, unha reparación urxente dunha fenda na rúa Clara Campoamor fronte a estación de autobuses, na rúa Rosalía de Castro ou a Nacional 634 ao seu paso por San Lázaro. Tamén piden que se actúe na Nacional 550, en tramos do Polígono do Tambre ou en Volta do Castro: “estamos falando de afundimentos dificilmente sorteables polos vehículos que supoñen, ademais dun perigo para condutores e peóns, un risco para os propios vehículos e transporte público que discorre por estes viarios” recalca.
As non adscritas piden que se traballe ao mesmo tempo nun reforzo dos servizos de conservación, mantemento e reparación de pavimentos, incorporando nunha nova licitación do contrato que ampara este servizo criterios de “maior alcance, dotación e planificación”. Neste sentido, non só piden que se incremente a partida económica destinada a este contrato, senón que os pregos de condicións reclamen “prazos máis axustados de intervención ou máis esixencias de infraestrutura á empresa adxudicataria”.
Axilización do pagamento das nóminas pendentes ás traballadoras dos CSC
Outra proposición que levaron as non adscritas reclamaba a axilización do pagamento das nóminas ás traballadoras dos Centros Socioculturais que, no caso das persoas contratadas a xornada completa, pode ascender aos 6.000 euros. Así o denunciou a concelleira Marta Álvarez, que pediu prazos concretos tamén para a licitación dos lotes 1 e 2 que completan o servizo, despois de que o lote 3 -o relativo á animación sociocultural e o que máis problemas provocou nos últimos dous anos- fora adxudicado a semana pasada.
Álvarez Vázquez denunciou tamén a falta de transparencia durante o proceso de licitación. Segundo consta na empresa de contratacións do Estado, entre o 21 de novembro do 2025 e o 2 de xaneiro do 2026, o goberno local non transparentou ningunha das mesas de contratación celebradas nese período. Precisamente, criticou a edil non adscrita, o intervalo no que se presentou o informe de valoración das ofertas presentadas ao lote tres e no que se propuxo á empresa adxudicataria: “mentres vostedes non publicaban nada do que acontecía nas mesas de contratación, as persoas traballadoras pasaban o Nadal sen cobrar varias nóminas e con serias dificultades económicas”.
A proposición, aprobada finalmente pola Corporación Municipal, reclama a renovación completa do servizo, coa adxudicación dos lotes pendentes, e que se garanta transparencia sobre os prazos nos que as persoas traballadoras van recibir o pago das nóminas pendentes.
Previa ao debate do Estado do Municipio: unanimidade na proposición que fixo mover ficha ao goberno local
O pleno municipal arrincou coa proposición asinada por Mercedes Rosón coa que reclamaba a convocatoria do debate do Estado do Municipio. Unha proposición que, como explicou Rosón, xa produciu efecto antes da súa votación: a iniciativa asinada pola edil non adscrita fora presentada o luns 19 de xaneiro e, ese mesmo venres, a Alcaldesa convocou efectivamente o pleno. A pesar disto, Rosón non retirou a proposta do pleno -a pesar de que lle foi solicitado por Alcaldía- e aproveitou a súa quenda para afearlle a Sanmartín que a convocatoria chegara “tarde, mal e arrastro”.
Tirando de retranca, a non adscrita preguntoulle a Sanmartín se como estudante “cunha brillante carreira académica” nalgún momento a Alcaldesa foi de deixar un exame para o último día, “porque se non o foi, non entendo de onde saíu esta costume de gobernar sempre ao límite e de reaccionar só cando a oposición empurra”.
Rosón acusou a Sanmartín de improvisar e pide un maior coidado á saúde democrática da Corporación: “se consentimos que o pleno pase a ser entendido como un mero trámite ou unha molestia, estaremos perdendo todas e todos” concluíu.
As incongruencias dos informes para a xestión do ciclo integral da auga
As non adscritas aproveitaron a sesión plenaria deste xoves para formular unha antesala á negociación dos orzamentos municipais. Neste sentido, rexistraron varias iniciativas para pedir explicación sobre os incumprimentos dos acordos que permitiron a aprobación das contas de anos anteriores: a constitución da empresa pública de vivenda e solo, que sigue pendente; a execución efectiva dos investimentos no rural ou as actuacións comprometidas nos parques infantís da rúa Lisboa, Manuel Beiras (Conxo) ou Angrois.
Outra das cuestións polas que preguntaron foi pola xestión do ciclo integral da auga, atascada trala presentación a finais do ano pasado do informe encargado polo goberno local. Un documento que, alén de non concluír con rotundidade ningún modelo de xestión como preferente, inclúe importantes “incongruencias” co outro informe encargado por Compostela Aberta no seu mandato no 2019. Así o denunciou a edil Mila Castro que interpelou directamente ao Concelleiro responsable por esta cuestión: “como pode ser que o informe do 2019 rexeite completamente a opción da empresa mixta e agora, con base a este novo informe, pretendan xustificar ese mesmo modelo?”.
Castro tirou de hemeroteca e criticou que a xestión do contrato da auga é unha historia “de amnesia temporal, lectura selectiva e desexos inconfesables” que “impide ás compañeiras de CA, que agora defenden o modelo da empresa mixta lembren que o seu primeiro informe desbotaba esa fórmula”.
Ademais, sobre a “lectura selectiva”, engade que o goberno local non é quen de ler a literalidade do informe máis recente, que sinala a imposibilidade de apostar por un ou outro modelo e, ademais de ofrecer un calendario temporal de vinte anos para reparar os problemas da rede de auga “fala dun modelo, o da empresa mixta, que é irrealizable en Santiago” posto que o Concello está sometido a un Plan Económico e Financeiro ata o 2027.
“E os desexos inconfesables son os do BNG e, concretamente, os da Alcaldesa que coma min sabe que só existe un modelo posible” que é o modelo da concesión “o modelo que o BNG aplica en todos os concellos que goberna” concluíu Castro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.