Thursday 29 de January de 2026

O Goberno Municipal é incapaz de tramitar a subvención para a recuperación da Torre de Celas


– O Goberno Municipal non foi quen de presentar a solicitude para participar no programa de subvencións da Deputación para recuperar bens patrimoniais.

– 4 días antes de rematar o prazo o BNG preguntou polo estado da solicitude.

– A Torre de Celas, único Ben de Interese Cultural do noso Concello e que se atopa nun estado lamentábel, podía aspirar a até 150.000€ de axuda.

– O prazo de presentación de solicitudes era de 3 meses. A solicitude de Culleredo foi asinada media hora despois de rematado o prazo, facendo imposíbel o seu rexistro.

O pasado mércores 21 remataba, ás 14:00 h., o prazo para presentar solicitudes para o programa de subvencións a Concellos para actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal, convocado pola Deputación da Coruña.

O prazo para presentar as solicitudes comezou ás 8:00 h. do 21 de outubro de 2025. Durante 3 meses os gobernos dos distintos concellos da nosa provincia puideron presentar as súas solicitudes.

Nese tempo, o 23 de novembro, na xornada sobre o Monte Xalo que tivo lugar en Celas coa presenza, entre outros do Alcalde de Culleredo, Sr. Rioboo, e do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, comentouse a idoneidade desa convocatoria para a restauración da Torre de Celas, único Ben de Interese Cultural do noso Concello, que podería aspirar a unha axuda de até 150.000€.

O 17 de xaneiro, 4 días antes de rematar o prazo, a concelleira do BNG Laura Raposo rexistrou unha pregunta sobre o estado da solicitude destas axudas para a recuperación do único patrimonio cultural con declaración BIC en Culleredo, un símbolo do noso Concello que está nun estado de total abandono.

Nen así foron capaces D. José Ramón Rioboo e as restantes persoas que fan parte do seu goberno, de rexistrar en tempo a solicitude de participación no programa da Deputación. O Sr. Alcalde asinou a petición 30 minutos despois de rematado o prazo de solicitude, facendo imposíbel a súa presentación na plataforma SUBTEL da Deputación. Esta plataforma funciona cuns prazos rigorosos que coñecen moi ben as asociacións e clubes do noso Concello que acuden ás convocatorias desa entidade.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “a Torre de Celas seguirá no lamentábel estado no que se encontra na actualidade, por causa do total desleixo do alcalde e do seu equipo para con as súas responsabilidades. Están por estar. Sempre teñen un problema para cada solución. Cando non é a malvada oposición son os funcionarios. Cando non son os funcionarios é a falta de funcionarios, problemas informáticos, conxuras astrais… É hora de que rematen as excusas e se poñan a traballar, antes de que o Concello acabe na ruína total á que parece encarreirado pola súa total deixadez”.

Deja un comentario