Thursday 29 de January de 2026

A Xunta expón aos membros da Alianza Galega polo Clima as oportunidades ambientais e económicas que ofrecerá o mercado galego de créditos de carbono


— Paula Uría explica que o Executivo galego está avaliando preto de 40 aportacións recibidas de distintos sectores como o forestal, o agrícola-gandeiro ou o marítimo-pesqueiro para deseñar este mecanismo e optimizar o seu funcionamento

— A información obtida axudará a focalizar a atención e os esforzos naquelas áreas cun maior potencial para desenvolver proxectos concretos de absorción ou de redución de emisións e de participar nas primeiras transaccións de créditos de carbono

— O obxectivo é que o mercado voluntario empece a funcionar ao longo deste ano contribuíndo a avanzar cara á neutralidade climática en 2040 e convertendo á comunidade en pioneira na posta en marcha dun sistema destas características

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, realizou hoxe a presentación institucional dun webinario informativo dirixido aos membros da Alianza galega polo clima co fin de trasladarlles as oportunidades ambientais e económicas que vai ofrecer ao conxunto da comunidade o primeiro mercado voluntario de créditos de carbono de Galicia, impulsado pola Xunta.
A representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que os integrantes desta alianza -máis de 200 socios entre pequenas, medianas e grandes empresas, autoridades portuarias, entidades asociativas, organismos de investigación e universidades, centros tecnolóxicos e administracións- poden ter un papel fundamental na posta en marcha deste mecanismo, que ten un papel clave no obxectivo de Galicia de acadar a neutralidade climática en 2040.
Neste sentido, Paula Uría lembrou ante os máis dun cento de inscritos que a Xunta lanzou o pasado mes de novembro unha manifestación de interese de cara a identificar os sectores prioritarios e estratéxicos na comunidade para impulsar este mercado, concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2. Nesa consulta recibiu un total de 37 aportacións, que o Executivo galego está a avaliar co obxectivo de deseñar ese instrumento e facer que o seu funcionamento sexa o máis eficiente posible.
No proceso -que estivo aberto á participación de empresas, entidades tanto públicas como privadas e cidadanía en xeral- recibíronse 10 aportacións con metodoloxías ou propostas para participar no desenvolvemento de fórmulas de cálculo das equivalencias de créditos de carbono e 25 sobre proxectos que se están a realizar ou nos que habería interese en participar para abordar metodoloxías que encaixasen en iniciativas concretas. As dúas restantes incidían en aspectos parciais deste mercado, non clasificables nas categorías de metodoloxías ou proxectos.
En canto aos sectores aos que pertencen as entidades que realizaron as aportacións, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático explicou que o que máis achegas concentra é o forestal, con 11, seguido do da transición enerxética (10) e dos agrícola-gandeiro (4), marítimo-pesqueiro (4) e de xestión de residuos (4), aos que se engaden outras catro doutros sectores. Estes datos confirman o elevado interese e a transversalidade do mercado galego de créditos de carbono, unha ferramenta clave para a descarbonización e o impulso de áreas estratéxicas en Galicia.
Paula Uría explicou que co traballo previo realizado e coas propostas recibidas nesta manifestación de interese poderanse focalizar a atención e os esforzos naquelas áreas cun maior potencial para desenvolver proxectos concretos de absorción ou de redución de emisións e, polo tanto, susceptibles de participar nas primeiras transaccións de créditos de carbono que se materialicen ao abeiro do novo sistema.
O obxectivo último é optimizar a futura posta en marcha do sistema voluntario de créditos de carbono en Galicia -ao que a Xunta destina un orzamento de 6,8 millóns de euros no marco do proxecto de Compra Pública Innovadora SICLE CO2- identificando de entre todas as áreas e sectores de actividade que inciden sobre as emisións GEI, aqueles polos que se debería comezar a traballar e que marcarán a folla de ruta a seguir para impulsar as primeiras transaccións.
Deste modo e tendo en conta toda a información que se recompilou durante o proceso, identificaranse as tipoloxías de actividades que a Xunta priorizará á hora de desenvolver e de aprobar as correspondentes metodoloxías de cálculo, que serán o conxunto de criterios a aplicar na selección dos proxectos participantes no sistema e tamén se utilizarán para facer unha estimación obxectiva dos créditos que pode xerar cada un.
Lei do clima
Con medidas coma esta, e coa aprobación onte no Parlamento de Galicia da Lei do Clima, a comunidade avanza no seu obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes do que marca a Unión Europea.
Nesta liña, o texto lexislativo establece os mecanismos necesarios para afrontar eventos meteorolóxicos adversos, como os que está a sufrir Galicia nos últimos días, xa que mellorará a súa prevención e facilitará tanto a xestión das súas consecuencias como a adecuada prestación de servizos á cidadanía nesas situacións.
En definitiva, contribuirá á gobernanza climática, regulará as proxeccións para proporcionar unha información específica para Galicia -fácil e sinxela, feita por e para a comunidade-, impulsará a sensibilización, educación e investigación e reforzará os servizos meteorolóxicos e de calidade do aire autonómicos.

Deja un comentario