A edición de 2026 conta con cingo longametraxes que axudan a comprender a realidade histórica e contemporánea do país cunha ollada crítica e comprometida
Entre o venres 30 de xaneiro e o xoves 26 de febreiro o Pazo da Cultura de Carballo acolle as proxeccións do ciclo de cinema euro árabe AMAL en Ruta, que este ano esta dedicado de forma íntegra á situación do pobo palestino. Unha programación especial que se estrutura arredor de cinco conceptos claves para comprender a realidade histórica e contemporánea do país. Baixo o lema “Todas somos Palestina”, o ciclo céntrase nunha coidada selección de filmes que propoñen unha ollada crítica e comprometida sobre a identidade, a resistencia cultural e as dinámicas sociais que marcan o día a día en Palestina.
Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director do Festival AMAL e a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, foron os encargados de presentar esta iniciativa que visita a vila desde hai xa nove anos. Ghaleb Jaber quixo agradecerlle ao Concello a súa implicación nun ciclo que non serve só para visibilizar a realidade palestina, senón tamén para “defender os dereitos da xente de Carballo” nun momento no que “o que non pelexemos hoxe, mañá será a nosa tumba”. “Ningún político digno dun país que se considere civilizado pode defender a vulneración dos dereitos humanos”, subliña o director do festival, polo que defender a Palestina é “defender a todos os pobos do mundo”.
Maruxa Suárez, pola súa banda, quixo resaltar que o ciclo AMAL en ruta, nunha conxuntura histórica de profunda convulsión e polarización, “este ano é máis necesario ca nunca”, nun momento no que “calquera pode destruír un pobo” e acabar impune. “Este ciclo fai que non nos esquezamos” do que ocorre en Palestina: “un pesadelo que parece que non vai a rematar nunca”. Finalmente, quixo animar a toda a cidadanía a que se achegue a ver os filmes ao Pazo da Cultura, para seguir apoiando esta mostra “que xa ten un público moi consolidado” que segue a medrar cada ano.
Así esta iniciativa ten como obxectivo achegar á sociedade a cultura árabe a través do cinema, ofrecendo unha visión ampla e multi dimensional desta realidade tan heteroxénea. Ponlle nomes e rostros á estadística, devolvéndolle a dignidade humana a unha narrativa que a miúdo se reduce a titulares de conflito.
AMAL en Ruta é un proxecto da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, unha
entidade sen ánimo de lucro nacida en Santiago de Compostela no ano 1984 e
cuxa misión principal é o achegamento cultural entre Oriente e Occidente, en
concreto, entre o mundo árabe, Latinoamérica e España. A Fundación tense convertido ao longo das súas máis de catro décadas de existencia nun referente da vangarda audiovisual e do debate social en Galicia, así como nun exemplo de integración cultural. Desde 2008 a Fundación é membro da Alianza Global para a Diversidade Cultural da UNESCO.
AMAL en ruta Carballo 26 consta de 5 longametraxes (catro documentais e unha ficción) que definen os cinco conceptos clave para comprender a realidade palestina: Gaza, a Nakba, a ocupación, as persoas refuxiadas e as protestas contra o xenocidio. Todos os filmes teñen recibido un considerable recoñecemento nos principais festivais de cine internacionais. Ghaleb Jaber explicou que a selección das películas, afastadas dos circuítos máis comerciais, vén dada non só pola súa calidade, senón tamén porque “cada unha aborda unha temática moi concreta” e en conxunto axudan a obter unha visión ampla do que está ocorrendo.
Venres 30 de xaneiro | 20.00 h.
THIS IS GAZA
Documental | Tom Besley | 2025 | Reino Unido | 50 min.
Cando a guerra entre Israel e Hamás destruíu o seu fogar e puxo en perigo a súa familia, o cineasta palestino gañador do premio Emmy, Yousef Hammash, buscou a súa única esperanza: unha cámara de vídeo. Esta é a súa poderosa historia.
En This is Gaza, Tom Besley combina a mirada xornalística coa experiencia vital de Yousef Hammash, xornalista do equipo de Channel 4 News, quen conta a súa historia dende Gaza por primeira vez ante a cámara. En 2025 foi seleccionada para os Premios Rory Peck Longlists na categoría de xornalista freelance.
Xoves 5 de febreiro | 20.00 h.
JANIN, JENIN
Documental | Mohammed Bakri | 2024 | Palestina | 60 min.
Neste novo documental, Mohammed Bakri regresa ao campo de refuxiados de Jenin máis de dúas décadas despois da súa obra anterior, Jenin, Jenin (2002). Na nova peza, filmada tras a ofensiva militar israelí de 2023, retoma o fío da súa experiencia previa: entrevista de novo a quen aparecera no documental orixinal e recolle novos testemuños directos sobre a ocupación, a destrución e a resistencia persistente.
Actor e director palestino nado en Bi’ina, na rexión da Galilea, Bakri conta cunha traxectoria destacada no cinema e no teatro, caracterizándose por explorar temas de identidade, memoria e resistencia palestina. O seu traballo documental céntrase en dar voz ás comunidades afectadas polo conflito. Nesta obra retomou o compromiso coa denuncia social desde unha ollada íntima e humana.
Xoves 12 de febreiro | 20.00 h.
THE TIME THAT REMAINS
Ficción | Elia Suleiman | 2009 | Palestina – Francia | 109 min
Ao longo de catro episodios que abranguen desde 1948 ata a actualidade, unha familia palestina vive entre a creación do Estado de Israel e a memoria herdada. Elia Suleiman mestura humor silencioso, ironía e surrealismo para retratar os paradoxos cotiás da vida baixo a ocupación. Fragmentos da súa propia historia familiar emerxen como testemuños íntimos.
Suleiman é un cineasta palestino cuxas obras combinan minimalismo poético e ironía mordaz. Ten participado como actor e guionista en varias das súas películas. O seu estilo caracterízase pola sutileza visual e a reflexión sobre a historia colectiva. En 2009 estivo nomeado á Palma de Ouro no Festival de Cannes e en 2010 o filme estivo nomeado ao Premio Cinema for Peace pola Xustiza.
Xoves 19 de febreiro | 20.00 h.
NOTES ON DISPLACEMENT
Documental | Khaled Jarrar | 2022 I Palestina, Alemaña, Qatar | 80 min.
Khaled Jarrar segue a unha anciá palestina no seu desprazamento dende Damasco a Europa pola ruta dos Balcáns. Acompañando a Nadira e á súa familia, o director vincula a súa propia memoria de infancia coa transmisión de traumas colectivos, preguntándose polo sentido do fogar, a pertenza e a identidade.
Khaled Jarrar, artista e cineasta palestino, pasou de ser gardacostas de Yasser Arafat a usar a arte como ferramenta de memoria e resistencia. Formouse en fotografía en 2005, graduouse na Academia Internacional de Arte-Palestina en 2011 e completou un máster en Belas Artes na Universidade de Arizona en 2019.
En 2023 o documental gañou o Feature Documentary Award no DOXA Documentary Film Festival. No mesmo ano obtivo unha Mención Especial ao Mellor Documental de Longametraxe no Ismailia International Film Festival.
Xoves 26 de febreiro | 20.00 h.
THE ENCAMPMENTS
Documental | Kei Pritsker, Michael T. Workman | 2025 | EEUU | 83 min.
Documental sobre as protestas estudantís solidarias con Palestina en 2024, iniciadas na Columbia University e estendidas globalmente. Mostra a represión e os campamentos, máis tamén a forza dun movemento internacional que reclama xustiza e responsabilidade institucional.
Kei Pritsker, xornalista e documentalista, e Michael T. Workman, cineasta e produtor, dirixen The Encampments. A súa colaboración combina investigación xornalística e narrativas visuais para documentar con forza as protestas estudantís en solidariedade con Palestina. A cinta estivo nomeada ao nomeado ao Human Rights Award 2025, gañando unha Mención Especial.
O acceso ás proxeccións, todas no Pazo da Cultura, será de balde ata completar o aforo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.