O exalcalde Luís Pérez e o seu equipo mantiveron un encontro aberto coa veciñanza de Artes no marco da iniciativa “Parroquias con voz”, unha rolda de reunións coa que o Bloque Nacionalista Galego continúa escoitando as demandas veciñais parroquia a parroquia, apostando pola participación directa e a escoita activa.
A xuntanza desenvolveuse no Centro Recreativo de Artes e serviu para que a xente trasladara as súas demandas, propostas e preocupacións sobre as necesidades actuais da parroquia. Ao mesmo tempo, o BNG fixo balance das actuacións levadas a cabo nos últimos anos e explicou os proxectos xa programados para o futuro inmediato.
No encontro participaron o portavoz municipal e exalcalde, Luís Pérez Barral, xunto con concelleiras do grupo municipal e responsables locais do BNG. Durante a súa intervención, Pérez Barral destacou que as veciñas e veciñas son quen mellor coñecen a realidade da parroquia e as súas necesidades, subliñando que escoitar á xente foi a clave para acertar nas decisións que se tomaron e permitiron acrecentar os servizos básicos de auga potable e saneamento en Artes.
Durante a reunión realizouse un repaso polos investimentos executados en Artes, que acaden os 400.000 euros para servizos básicos de saneamento e auga potable e espazos para a rapazada. Entre as actuacións xa realizadas figuran o parque infantil diante do Centro Recreativo por 115.000€, o saneamento e abastecemento de auga no lugar de Arribas por 99.000€ e a dotación de recollida de augas pluviais no lugar de Outeiro 32.000€.
Segundo explicou Pérez Barral, “grazas á acción de goberno, quedaron consignados 1,5 millóns de euros para continuar ampliando e mellorando os servizos básicos nas parroquias e que se deben executar ao longo do ano 2026. En Artes están previstos investimentos, con financiamento asegurado, que permitirán continuar avanzando na modernización das infraestruturas. Entre eles destacan a pavimentación e dotación de pluviais na contorna da igrexa de Artes con 77.000 euros e o saneamento no lugar da Ponte por 67.000 euros.
Pérez Barral aproveitou tamén para subliñar que estas actuacións son posibles grazas a unha xestión económica rigorosa e planificada, lembrando que “o BNG deixou proxectos preparados e recursos garantidos, fronte á situación de forte endebedamento herdada do goberno do PP que alzou a débeda pública aos 13 millóns de euros.
A xuntanza rematou cun clima de participación activa e cunha valoración moi positiva por parte da veciñanza que trasladou ao BNG preocupacións en temas de saneamento, prevención de inundacións ou investimentos en infraestruturas públicas. Ademais fixeron un recoñecemento público a que Luís Pérez como alcalde sempre estivo cando se necesitaba ou que segue traballando polo ben da parroquia. Pérez Barral quixo agradecer tamén a resposta da xente porque “está a ser moi positiva e iso reforza a nosa convicción de seguir neste camiño”. Segundo dixo, “percibimos un recoñecemento claro ao traballo feito e o noso compromiso é continuar presentes nas parroquias, mantendo o contacto directo e defendendo con constancia aquilo que realmente precisa cada lugar”, concluíu o portavoz do BNG.
O BNG continuará coa iniciativa “Parroquias con voz” coa seguinte reunión, que terá lugar en Oleiros, o xoves 5 de febreiro ás 19:30 horas, no centro social de Oleiros.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.