Thursday 29 de January de 2026

O Concello de Fene licita a obra de mellora da Rúa Fonte por preto de 157.000 euros


A actuación permitirá renovar o firme, mellorar o drenaxe e ampliar a sección de paso para reforzar a seguridade viaria e peonil

O prazo das empresas para a presentación de ofertas remata o 12 de febreiro

O Concello de Fene vén de iniciar o proceso de licitación das obras de mellora do camiño municipal da Rúa Fonte, cun orzamento base de 156.960,05 euros, e financiamento con cargo ao POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de febreiro.

Na actualidade, a Rúa Fonte presenta un importante desgaste do firme, con diversas irregularidades provocadas polo intenso tráfico que soporta, especialmente nos meses de verán, e tamén polas condicións climatolóxicas, o que afecta tanto á comodidade como á seguridade da circulación.

O proxecto contempla a renovación integral do pavimento, mantendo a canalización de augas fecais existente e mellorando a recollida de augas pluviais mediante a instalación dunha nova rede canalizada con colectores de PVC, así como os correspondentes pozos e sumidoiros. Deste xeito, dotarase ao vial dun sistema de drenaxe máis eficiente, evitando a acumulación de auga nos límites da calzada e reducindo o deterioro futuro da vía.

A intervención inclúe tamén a ampliación da sección de paso en determinados treitos, co obxectivo de mellorar a accesibilidade ás vivendas e optimizar o tránsito tanto de vehículos como de peóns, reducindo riscos derivados das irregularidades actuais e reforzando a seguridade viaria.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou a relevancia desta actuación nunha rúa que “presta servizo directo a numerosas vivendas unifamiliares e funciona tamén como vía de acceso a algunhas das principais praias do concello, polo que a súa mellora é unha prioridade tanto para a mobilidade cotiá como para o atractivo turístico do municipio”. A rexedora subliñou ademais que se trata dunha obra “necesaria e agardada pola veciñanza, que permitirá gañar en seguridade e calidade urbana”.

Pola súa banda, o concelleiro responsable da Mesa de Contratación, Manuel Polo, salientou a urxencia de executar esta intervención e asegurou que desde o Concello “vanse axilizar todos os trámites para que a obra poida adxudicarse canto antes e iniciar os traballos no menor prazo posible”. Polo indicou tamén que esta actuación “forma parte da estratexia municipal para mellorar progresivamente as infraestruturas viarias en todas as parroquias”.

Desde o goberno local incídese en que esta obra, que unha vez contratada terá un prazo de execución de catro meses, supón un avance importante na modernización da rede viaria municipal, mellorando a seguridade, a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza, especialmente nunha zona de tránsito habitual e de conexión con espazos de interese do litoral fenés.

Deja un comentario