A sesión está convocada para as 19:30h
O pleno municipal ordinario deste mes de xaneiro en San Sadurniño, convocado para este xoves ás 19:30h, leva no seu listado dous temas de grande relevancia, empezando pola exposición e debate do destino dos fondos do Plan Único de concellos da Deputación da Coruña. Cerca de 400.000 euros dedicaranse este ano a gasto corrente, mentres que para a mellora de pistas hai deseñados oito proxectos cuantificados en 370.000 cos que se prevén levar a cabo 17 actuacións ao longo de 12 quilómetros da rede viaria municipal. Outro dos asuntos importantes da sesión será a proposta de nomear como Rosalía de Castro a rúa que discorre paralela ao CPI de San Sadurniño até o acceso principal do Pavillón Municipal.
A parte resolutiva da sesión incorpora outras tres cuestións, que son -por esta orde- a declaración do especial interese de varios terreos agrícolas a efectos de bonificacións no IBI e dúas mocións presentadas nos prazos ordinarios polo BNG, unha en defensa da Sanidade pública e outra reclamando a implicación da Xunta de Galicia na resolución do conflito do transporte público por estrada.
En relación co POS+, o Goberno local incluiu no POS principal -o que ten fondos xa consignados- tres proxectos de reparación viaria: o aglomerado A Fontela – O Eirexado, en Naraío, e a reparación dun pequeno tramo en Piñeiros (San Sadurniño); o asfaltado da pista dos Miguelares (Igrexafeita) e a que enlaza a estrada Ferreira- Moeche co lugar de Ramil (Lamas) e, por último, un terceiro plan para intervir en Silvalonga e Piñeiros (San Sadurniño) e tamén no Couto e Penacastrelo (Lamas). Estes tres proxectos suman 168.995,52 euros e 4,8 quilómetros de camiños.
Porén, as bases do Plan Único de concellos tamén esixen aprobar proxectos a maiores dentro do denominado POS Complementario, que se executaría na medida en que o ente provincial vaia xerando novas provisións económicas ao longo do ano a través dos plans adicionais. Os que se someterán este xoves a pleno suman un investimento de 200.000 euros noutras nove pistas (7,3 quilómetros en total).
Así, na parte alta de Igrexafeita hai planificadas dúas intervencións: a pista desde Os Miguelares ata Os Gaiteiros -incluído o ramal que leva a Carrío-, de 1.230 metros, e tamén o asfaltado entre Os Miguelares e O Castro, de 1.180 m.
Outro dos documentos do Plan Complementario recolle o amaño dunha pista en Fontao -385 m- e do camiño que conecta este núcleo de Naraío co do Piñeiro, cun trazado de 600 metros. No proxecto vai tamén o asfaltado da pista que vai desde Moimentos -ao pé da Igrexa de Santa Mariña do Monte- ata preto dos Vilares (700m en total). Para Santa Mariña hai deseñada outra actuación que abrangue dúas pistas: a da Castiñeira, de 740 metros, e a da Esperanza, de 1,1 quilómetros.
Pecha o listado do Plan Complementario a reparación da pista que vai desde O Xestal até As Filgueiras, en Ferreira, cun trazado de 1.375 metros.
San Sadurniño tamén dedicará o financiamento provincial a gasto corrente. Case 400.000 euros da consignación do Plan Único de concellos irá, precisamente, ao apartado co que se sostén o funcionamento dos servizos municipais.
Rúa Rosalía de Castro
Na sesión abordarase, como segundo grande tema do serán, outorgarlle á “Rúa C” do centro urbano -así se denomina no Catastro- o nome de “Rúa Rosalía de Castro”. A vía conecta a Avenida Marqués de Figueroa co Pavillón Municipal, discorrendo en paralelo ao recinto do CPI. Trátase dunha rúa de dobre sentido que enlaza no seu extremo oeste coa Rúa Castelao, nomeada así polo consistorio en 2025 co gallo do ano dedicado ao intelectual galeguista.
O Goberno local xustifica a proposta na necesidade de darlle á rúa unha denominación oficial, pero tamén na de honrar “á máxima referencia da nación galega” como xesto de compromiso do Concello “cos valores de dignidade, feminismo e xustiza social que ela representou”. A asignación do nome de Rosalía de Castro a esta vía tamén cumpre co Plan de Igualdade do Concello, “onde se recolle a inclusión de nomes de referentes femininos nos espazos públicos”, apunta a proposta da alcaldía.
Na orde do día do pleno tamén se recolle a información sobre o período medio de pagamento a provedoras e provedores no cuarto trimestre de 2025, que foi de tan só 2,1 días despois da aprobación das facturas correspondentes.
Ao tratarse dunha convocatoria de carácter ordinario -a primeira deste 2026- na sesión tamén haberá quenda para os rogos e as preguntas. Poderá seguirse ao vivo a través da canle de Youtube do Concello.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.