• O Concello devolveu as subvencións para o pavillón de Tarrío e a polideportiva de Praza Europa porque os traballos contratados non se correspondían cos proxectos e tras esgotar todas as prórrogas
• Outra axuda provincial por importe de 60.000 euros gastouse na obra errada da cuberta do parque de As
Brañas • Izaskun García: “Eses proxectos agora pagaranse co diñeiro dos veciños cando tiñamos diñeiro doutra administración para executalos”
O Partido Popular de Culleredo denuncia que o alcalde José Ramón Rioboo e o seu goberno renunciaron a preto de 600.000 euros en subvencións do POS da Deputación pola súa mala xestión, ao ser incapaces de executar en tempo e forma dous investimentos xa financiadas e con proxectos aprobados: a rehabilitación do pavillón de Tarrío e o acondicionamento da polideportiva descuberta da Praza Europa.
A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, explicou que, segundo a documentación remitida pola Deputación ao Concello, ambos os proxectos “non eran executables tal e como se contrataron e por iso os traballos nin sequera chegaron a comezar”. No caso do pavillón de Tarrío, cunha axuda de máis de medio millón de euros, o Concello pediu anular o investimento tras detectarse deficiencias na estrutura e requirir “obras de maior calado” que as previstas no proxecto que se aprobou. Respecto a a polideportiva da praza Europa, a renuncia produciuse porque a deterioración da pista facía “inviable” a solución construtiva exposta para reparar o firme e a empresa adxudicataria pediu resolver o contrato. Para o PP, o patrón é claro. “O goberno de Rioboo foi incapaz de executar os investimentos en prazo porque os proxectos non se correspondían coa realidade”, afirma Izaskun García.
O caso da cuberta do parque de As Brañas súmase aos anteriores. Aínda que o Concello non renunciou á subvención do POS, si recoñece que non foi capaz de executala por completo tras esgotar todos os prazos e gastar 60.000 euros nunha obra errada: a cuberta derrubouse en 2020, xusto antes de inaugurarse, por “un mal deseño” e “unha execución pésima”. “É unha vergoña que un concello como Culleredo renuncie a todo ese diñeiro por mala xestión, e que se repita o mesmo patrón en varios proxectos. Agora pagaranse co diñeiro dos veciños cando tiñamos diñeiro doutra administración para executalos”, denuncia a portavoz popular.
Por todo iso, o PP esixe que o goberno local asuma responsabilidades políticas e que se depuren tamén responsabilidades técnicas: “Hai que explicar quen informou e avalou proxectos que logo resultaron inviables e que é necesario reformular por completo”. Ademais, reclama que dea conta no pleno das medidas concretas que se van a adoptar para garantir que Culleredo “non volva perder nin un só euro máis por esta forma de gobernar”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.