• Marta Álvarez preguntará no pleno deste xoves pola execución deste acordo, contemplado no pacto que viabilizou os orzamentos do 2025
• Gonzalo Muíños aféalle ao PSOE que se desvinculara do acordo do ano pasado “e agora queira poñerse os galóns” da renovación do céspede do campo de fútbol de Villestro
Facilitar axuda a quen a precisa e previr “factores de risco como a soidade non desexada ou os hábitos non saudables”, son as liñas nas que propuñan traballar as non adscritas para afrontar o desafío da saúde mental. Así figura no acordo de orzamentos do 2025 que selaron co goberno local e polo que pedirán contas no pleno deste xoves.
Marta Álvarez será a que pregunte ao goberno local por esta cuestión. O acordo incluía que se aprobara e desenvolvera un programa estable para afrontar as doenzas mentais “desde unha perspectiva integral” lembra a non adscrita. Álvarez, que ademais de Concelleira é enfermeira de profesión, advirte de que se trata dunha urxencia: “eu mesma vexo todas as semanas intentos autolíticos de xente cada vez máis moza”.
“É insoportable e temos que actuar”
As non adscritas propoñen afrontar esta cuestión a través da educación emocional, promovendo un uso responsable das redes sociais ou ampliando a oferta de actividades de ocio alternativo para a mocidade. Ademais deste tipo de accións divulgativas, insiste en reclamar unha maior implicación ao goberno local para fomentar o acceso efectivo das persoas en situación de precariedade ou en risco de exclusión social á oferta de actividades deportivas municipais, por exemplo, a prezos reducidos.
“Moitas veces, cando falamos de socidade non desexada, pensamos en xente maior, pero os datos idnican tamén que isto afecta a un de cada catro mozos” recalca Marta Álvarez facendo uso de datos recentes que indican que o 70% das persoas entre 18 e 29 anos afirman que a sentiron algunha vez: “temos que acompañar, ofrecer axuda e educar a través da divulgación” recalca Álvarez.
Renovación do campo de fútbol de Villestro
Pola súa banda, Gonzalo Muíños tamén se referiu este mércores á renovación anunciada do céspede do campo de fútbol de Villestro. Unha “boa nova” recalca o non adscrito, que estaba incluída no acordo de orzamentos asinado por el mesmo co goberno local. Muíños non aforrou en críticas aos seus excompañeiros socialistas, despois de que Marta Abal “reivindicara como propio un acordo que antes lle resultaba alleo”.
O concelleiro non adscrito lembra que o PSOE desvinculárase do acordo de orzamentos do 2025, despois de suspendelo de militancia unha semana despois da sinatura do pacto no mes de xaneiro “a conta da votación das vivendas de uso turístico”: “primeiro dixeron que ese acordo non os comprometía e agora queren facer ver que a reivindicación da renovación do céspede do campo de fútbol de Villestro é cousa deles”.
Muíños tira de hemeroteca e lembra que foi el mesmo quen en novembro de 2023 reclamou a renovación do céspede, “quen foi ao campo, quen se interesou polas instalacións deportivas e quen puxo esta condición como innegociable fun eu”. Porén, o concelleiro non adscrito réstalle importancia ás declaracións dos socialistas e atribúeas a un “intento de facerse notar”: “a uns impórtanlles os galóns e a outros impórtanos que as cousas se fagan e queden para os veciños” conclúe.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.