Wednesday 28 de January de 2026

Boqueixón presenta o programa da XLIII Festa da Filloa de Lestedo


A Festa da Filloa e o Alto dos Xenerais da Ulla terán lugar o domingo 22 de febreiro e incluirán un xantar con Cocido de Lalín

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, Juan Manuel Silva Hermida, presentaron esta mañá no CIFP Compostela o programa da 43 edición da Festa da Filloa de Lestedo, cuxo día grande terá lugar o domingo 22 de febreiro. Un acto no que estiveron acompañados polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles Remy; o deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Luís Penas Corral; o director do CIFP Compostela, Ramiro Esparís Sampedro; e a actriz e presentadora María Mera.

O alcalde de Boqueixón destacou todo o traballo realizado polos integrantes da Asociación Cultural da Filloa, persoal do Concello, entidades e empresas patrocinadoras na elaboración do programa desta edición. Así mesmo, tivo unha mención especial a José Manuel Canabal “por todos estes anos de traballo como presidente da Asociación Cultural da Filloa que culminaron coa consecución do recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional”.

Neste sentido, Ovidio Rodeiro puxo en valor Boqueixón como “municipio con numerosos atractivos culturais, gastronómicos e paisaxísticos. Co Pico Sacro como referente a todos os niveis: xeolóxico, espeleolóxico, relixioso e mesmo astronómico, agora que tan de actualidade está o tema do eclipse. Pero, ademais, Boqueixón conta con tres festas de Interese Turístico de Galicia: o Entroido de Sergude, as Carrozas do San Cidre e a Festa da Filloa, tamén de Interese Nacional. Poucos municipios hai xa non en Galicia senón en España que poidan presumir de algo semellante”.

Pola súa banda, Juan Manuel Silva sumouse tamén aos agradecementos a José Manuel Canabal, quen despois de moitos anos á fronte da Asociación da Cultural da Filloa decidiu dar un paso ao lado. Sobre o Día Grande da Filloa, o domingo 22 de febreiro, Silva Hermida agarda “que o tempo se porte moito mellor ca nestes días e poidamos desfrutar desta edición número corenta e tres”. Así, destacou que a novena edición do Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla contará coa participación de medio cento de xenerais e xeneralas chegados dende A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces e Boqueixón. “As máquinas filloeiras comezarán a traballar ás 8 da mañá e entre as dúas farán unha media de 2.000 filloas por hora. Ao seu carón haberá filloeiras e filloeiros preparando todo tipo de elaboracións: filloas á pedra e recheas, tanto doces como salgadas”.

Román Rodríguez comezou a súa intervención destacando o labor do CFIP Compostela como orixe “dos mellores cociñeiros dos últimos anos”. Sobre a Festa da Filloa, Román Rodríguez salientou que “o que comezou como unha festa, hoxe transformouse nun valor patrimonial que crea veciñanza, convivencia, orgullo… É moi importante que a xente se identifique co produto e tamén é importante a traslación económica que teñen este tipo de eventos ao municipio”.

O director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, destacou que a Filloa de Lestedo “está situada no Olimpo das Festas, porque temos máis de 150 festas de Interese Turístico de Galicia pero so catorce son de Interese Turístico Nacional. A verdade é que é un recoñecemento á Asociación Cultural da Filloa, ao Concello de Boqueixón e aos veciños e veciñas de Lestedo pois sen un traballo colectivo esta festa non chegaría onde chegou”.

Finalmente, Xosé Luís Penas desculpou a ausencia do vicepresidente provincial, Xosé Regeueira, e salientou que “Boqueixón está facendo un bo traballo poñendo en valor un produto noso e tradicional como a filloa”. Unha Festa que cualificou que “patrimonio cultural da provincia porque ter unha festa de 43 anos é moito máis ca unha festa veciñal, fálase de familia, de turismo, de Entroido e dende as institucións debemos protexer festas como estas”.

Programación paralela

O programa de promoción da festa dará comezo o venres 13 de febreiro, co primeiro dos cinco showcookings programados este ano no Filloa Cooking, todos eles no local social de Lestedo, de balde e cun límite de 40 prazas cada un. Trátase cunha cata maridaxe de filloas con viños Ribeira da Ulla da DO Rías Baixas, impartido polo sumiller Nacho Costoya e o chef Roberto Filgueira ás 20:00 horas.

A segunda sesión terá como protagonista o Cocido de Lalín e será dirixida polo chef lalinense Álex Iglesias, do restaurante Cabanas, que elaborará receitas de aproveitamento das sobras do cocido con filloa de Lestedo. Será o domingo 15 de febreiro, ás 12:30 horas.

Un día despois, o luns 15 de febreiro ás 19:00 horas, Kike Piñeiro, chef de A horta do Obradoiro, encargarase doutra edición de “Lestedo sen glute”, no que participarán 30 persoas da Asociación Galega de Celíacos (ACEGA) e 10 persoas de público en xeral. Un showcooking que volve a celebrarse debido ao gran interese espertado nas dúas edicións anteriores.

O mércores 18 de febreiro será o momento dos máis pequenos cunha nova edición da Escola Filloeira, na que o chef Xosé Manuel Mallón e filloeiras de Lestedo encargarase de aprenderlles os valores culinarios deste produto aos nenos e nenas da localidade. A novidade deste ano é a realización de dúas quendas: unha para crianzas de 4 a 8 anos (de 16:00 a 17:30 horas) e outra para nenos e nenas de 9 a 16 anos (de 18:00 a 19:30 horas).

Finalmente, o xoves 19 de febreiro, nova sesión do “Filloa Accesible”, iniciativa que pretende achegar esta sobremesa a todos os públicos. Desta vez o colectivo convidado son as persoas asociadas á ONCE. A clase será impartida polo chef Xosé Manuel Mallón ás 12:00 horas e consistirá nunha cata sensorial de filloas de Lestedo con viños da DO Rías Baixas-Ribeira do Ulla.

Festa da Filloíña

O sábado 14 de febreiro terá lugar a cuarta edición da “Festa da Filloíña”, que dará comezo ás 16:30 horas no campo da feira de Lestedo coas actuacións dos grupos Os Campiños de Sarandón, As Travesas de Codeso, Pena Maior de Marrozos e os grupos Alborecer, Lucerniñas e Solleirada, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Ás 18:00 horas terá lugar o pregón infantil, a cargo de alumnos e alumnas do CPI Antonio Orza Couto. Quince minutos despois chegarán os Atranques de Xeneraliños da Ulla, que rematarán cun concurso de disfraces infantil. E, a partir das 20:30 horas, gran concerto a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Un día despois, o domingo 15 de febreiro, ás 12:00 horas, outra novidade: a Feira da Filloa, con degustación de Filloas de Lestedo doces e salgadas, con e sen recheo. A animación musical no campo da festa correrá a cargo dos grupos Estralampo, Pirilampo e Solleirada, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. E o sábado 21 d febreiro, cuarta edición do “Filloa Folk”, cunha programación aínda por pechar.

Domingo de Piñata

O domingo 22 de febreiro a XLIII Festa da Filloa abrirá as súas portas ás 8:00 horas, co acendido das dúas máquinas filloeiras. A partir das 11:00 horas, actuación de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio no campo da festa: Luz do Ilicinio, Raeira, Raiola, Ardora, Larada e Luceiro.

Ás 12:00 horas terá lugar o IX Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla pola avenida do 26 ata o campo da festa. Ás 13:00 horas, terá lugar o pregón de Emilio José de la Iglesia Lema, veciño de Lestedo e director xeral do gabinete técnico da Presidencia da Xunta de Galicia. Un acto que será presentado pola actriz María Mera e no que tamén terá lugar a imposición dos Mandís de Honra 2026.

Ás 13:45 horas será o momento do Gran Alto dos Xenerais da Ulla que, mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade. De 14:30 a 18:00 horas, sesión vermú e tardeo a cargo do Grupo Ibiza e a Charanga BB+. Ás 14:30, Cocido da Filloa no pavillón de Lestedo e finalmente, a partir das 18:30 horas, gran verbena popular co grupo Origen e a orquestra París de Noia.

Deja un comentario