A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada do concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, e persoal técnico, visitou as obras de accesibilidade que se están a executar na rúa do Hórreo, no cruzamento coa rúa Gómez Ulla. Esta obra é a última dun conxunto de actuacións de mellora de accesibilidade que se executou en 2025 en 17 puntos cun investimento de preto de 300.000 euros. Para estas actuacións tivéronse en conta as incidencias da veciñanza a través de diferentes canles de participación cidadá (como a Liña Verde), tal e como destacou a rexedora municipal.
“Trátatase dunha das 17 actuacións que estamos facendo por toda a cidade para mellorar a accesibilidade, para humanizar as rúas e garantir que haxa a accesibilidade universal”, explicou Sanmartín Rei en declaracións aos medios durante a visita a pé de obra, onde intercambiou información cos responsables da obra e cos técnicos do servizo de Obras do Concello. Goretti Sanmartín incidiu na aposta deste goberno por “un modelo urbanístico transformador, sustentable, feminista; un modelo que priorice as persoas que van a pé”.
Goretti Sanmartín explicou que coa ampliación da beirarrúa no cruzamento (fronte a actual illa na que paran vehículos”, faise unha “liña de continuidade lóxica a través de todo o Hórreo para que os peóns poidan discorrer sen obstáculo nin barreiras”. “Será moito máis accesible para todas as persoas que teñan problemas de mobilidade funcional”, destacou a alcaldesa compostelá, quen avanzou que será un modelo que este goberno continuará noutros puntos da cidade.
A alcaldesa incidiu en que a idea principal do goberno é que as persoas que van a pé “teñan prioridade absoluta”. “É unha das moitas actuacións en moitos puntos da cidade e que entendemos que poden acabar significando, pinga a pinga, a mudanza da propia configuración da cidade”, explicou.
Pola súa parte, o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, destacou o alongamento da beirarrúa, que supón priorizar as persoas maiores, familias, e lembrou que se detectara que os peóns non baixaban ata o paso habilitado para facer o cruzamento. Así as cousas, esta actuación, que tamén inclúe un paso de peóns elevado, permite pacificar o tráfico e mellorar a seguridade viaria.
Mellora da accesibilidade
As obras de accesibilidade mellorarán o tránsito peonil, recolocando un paso para o cruzamento que permite unha mellor mobilidade a pé. Desde xeito, aumenta a superficie da beirarrúa ao tempo que se mellora o ancho do carril de circulación de vehículos o que favorece o xiro.
As obras tamén inclúen a recolocación da praza adaptada a mobilidade reducida, xunto á calzada da rúa do Hórreo, e engádese outra para carga e descarga. Na rúa Gómez Ulla tamén se mantén unha praza para mobilidade reducida.
No marco destas actuacións, tamén se establecerán elementos de calmado de tráfico, cun paso de peóns elevado, colocaranse novos sumidoiros, os elementos verticais necesarios e incorporarase verde urbano.
Ademais da rúa do Hórreo, tamén se incluíron actuacións no cruzamento da rúa Avío, na rúa do Lavadoiro, Quiroga Palacios coa Costa do Vedor (á que tamén lle falta unha actuación para rematar por completo), no acceso ao CEIP Apóstol Santiago, na rúa Xasmíns ou na Rúa Betanzos, entre outros puntos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.