Wednesday 28 de January de 2026

O Concello pon en marcha unha campaña no ocio nocturno para mellorar a convivencia entre a hostalería e a veciñanza


Os establecementos disporán de diferentes materiais que promoven o cumprimento de varias normas básicas e levaranse a cabo accións a pé de rúa

O Concello da Coruña inicia unha campaña de concienciación cidadá ligada ao ocio nocturno co obxectivo de establecer normas básicas de convivencia. A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a iniciativa xunto a hostaleiros/as e representantes de asociacións do sector.
“Sabemos que A Coruña é unha cidade que sabe divertirse pero tamén queremos que sexa unha cidade exemplar no comportamento do seu ocio nocturno”, sinalou Rey. En marzo de 2025 o Concello puxo en marcha unha mesa de traballo para avanzar na convivencia entre veciños/as e hostaleiros/as en relación ao ocio nocturno. Esa mesa xeral derivou nunha mesa técnica para poder avanzar en materia normativa co obxectivo de que as persoas hostaleiras poidan desenvolver a súa actividade con seguridade xurídica, á vez que se respecte o descanso da cidadanía. As reunións xa finalizaron coas achegas de todas as partes e agora estase traballando nunha proposta desde o Concello, que se lle presentará proximamente ao sector.

Outro dos acordos da dita mesa foi a creación dunha campaña de concienciación cidadá para respectar normas básicas de convivencia en espazos de ocio nocturno. “Este é o teu sinal”, é unha campaña de concienciación e sensibilización na que Concello, hostaleiros e asociacións veciñais van da man para promover condutas cívicas e responsables. Trátase dunha campaña moi gráfica con distintos sinais que lles lembren ás persoas usuarias dos locais de ocio e hostalería unha serie de normas básicas: non facer ruído na rúa (fóra dos establecementos), non saír á rúa con bebidas alcohólicas e non ouriñar nos espazos públicos.

“A campaña beneficiará os propios locais hostaleiros, que moitas veces teñen que pelexar coa súa clientela para que se cumpran estas sinxelas normas, como tamén a propia Administración municipal que ten que vixiar o seu cumprimento”, indicou a alcaldesa, Inés Rey. Para levala a cabo, hoxe entregáronselles aos hostaleiros da cidade materiais que poderán empregar nos seus locais, como pousavasos, carteis, adhesivos, cubos, bolsas ou vinilos.

Ademais, durante as próximas semanas levaranse a cabo accións a pé de rúa durante a noite para informar da campaña a xente que sae e concienciala co cumprimento destas tres normas básicas. Tamén se colocarán vinilos e cubos nas principais zonas de ocio nocturno co obxectivo de que a campaña poida ser visible en todas as zonas de ocio.
“Poñemos esta campaña en marcha nas semanas previas a unha das grandes celebracións da cidade, o seu Entroido. Confiamos en que a cidadanía saia e goce desta festa, pero sobre todo que o faga respectando a cidade, a veciñanza e o persoal hostaleiro”, sinalou Inés Rey, que estivo acompañada do presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería, Héctor Cañete, e a presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, Luisa Varela.

Deja un comentario