§ Trátase da terceira edición do RSEncuentro, un espazo que cada ano reúne a empresas, profesionais e estudantes interesados na ética empresarial
Tras pasar por Castelló e Madrid, o terceiro RSEncuentro chegará a Santiago de Compostela os días 9, 10 e 11 de xuño da man da consultora galega intheMOVE e grazas ao apoio da Xunta de Galicia, Abanca, Gadis, a Escola Europea de Negocios, Nasas Social Media, Mugatra e Metal Ferrol, entre outros. Trátase dun encontro de ámbito nacional que, desde fai tres anos, reúne en diferentes puntos da xeografía española a persoas interesadas na RSE e a ética empresarial.
A innovación e o emprendemento social, a xestión de grupos de interese e o consumo responsable, serán os principais temas que se abordarán durante os tres días do encontro. Lonxe de formatos clásicos, o RSEncuentro constitúe un espazo único para que os profesionais de diferentes sectores empresariais, administración pública e investigadores traballen xuntos e expor avances en materia de responsabilidade social. O obxectivo é, principalmente, aprender, coñecer a outros profesionais e intercambiar experiencias, e por iso o seu programa está formado por sesións de traballo, microponencias e espazos que fomentan a participación e o traballo en equipo.
Así, por exemplo, contará con talleres prácticos impartidos por profesionais de recoñecido prestixio, como o de modelos de organización e xestión do risco, que desenvolverá Daniel Álvarez, do Instituto Ben Pensante; o de RSE e medio ambiente, que impartirá Carlos Rodríguez, da Escola Europea de Negocios, ou o de employer branding, que impartirá o Mónica Quintana de Mindset, e o de relación entre empresas e ONG, que impartirá Marcos Gómez Paz, de Cruz Vermella Española, entre outros.
Tamén haberá tempo para destacar experiencias Made in Galicia en ambiente distendido onde profesionais de diferentes empresas contarán as súas historias de éxito e fracaso desde o contexto galego, mostrando unha variedade de sectores propios como son o téxtil, o agrario, a alimentación e o mar, entre outros. Trátase de Saraiva Senior (empresa de innovación social de atención a persoas maiores), Arqueixal (granxa familiar), galletas Daveiga, Promove (impulsora da rede de consumo colaborativo Prestogal), Discamino (para que persoas con capacidades diferentes poidan facer o Camiño de Santiago) e Lonxanet (que promove a pesca sustentable).
O evento desenvolverase no Centro ABANCA Obra Social, no centro histórico de Santiago de Compostela, cun aforamento limitado a 150 persoas. As entradas están á venda en www.rsencuentro.com por un prezo de 50?, con descontos para pensionistas, persoas en situación de desemprego e estudantes.
O meu proxecto en 1 minuto
O RSEncuentro busca innovadores sociais e por iso abriu un espazo de participación a calquera emprendedor ou empresa que queira explicar a súa iniciativa no RSEncuentro. Para participar, deberase enviar un vídeo dun minuto no que o participante explique o seu proxecto. Os vídeos subiranse á web e os 10 máis votados contarán cun espazo de 5 minutos para presentar o seu proxecto ante un foro de 150 persoas especializadas na materia. As bases para a participación atópanse na web www.rsencuentro.com
Un evento colaborativo
A de Santiago é a terceira edición dun encontro xa consolidado que cada ano mobiliza a 150 persoas de diferentes puntos do país. Por iso, tras gañar o concurso para organizar esta edición, a consultora galega intheMOVE quixo dar un paso máis e desenvolver o evento de maneira colaborativa.
Primeiro, a través dunha enquisa aberta decidiuse como debía ser o III RSEncuentro: práctico e participativo, con microponencias e visita a empresa responsable, onde os temas centrais fosen a innovación e o emprendemento social, a xestión de grupos de interese e o consumo responsable. Segundo, a través da colaboración dunha trintena de expertos de diferentes puntos do territorio nacional, que comprometeron o seu tempo e esforzo para deseñar un evento acorde aos resultados da enquisa. Desta maneira, o propio evento constitúe unha experiencia de intercambio e creación colectiva en si mesmo.