Saturday 16 de November de 2024

25 persoas estrean en Bardaos a temporada das Camiñadas parroquiais por San Sadurniño


Aproveitando que agora os días son máis longos, o Concello de San Sadurniño retoma a súa programación de camiñadas polo territorio. Son paseos ao aire libre aptos para todas as idades, relativamente curtos -entre 5 e 8 quilómetros de distancia- e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel.

A primeira ruta tivo lugar este martes á tarde pola parroquia de Bardaos e nela participaron 25 persoas. Fixeron un percorrido circular de 6,5 km. con saída e chegada no local social.

O Concello organizou outras seis camiñadas que, igual ca esta, tamén partirán dos locais sociais e doutros puntos das distintas parroquias, sempre ás 16 horas. Non é necesario inscribirse, abonda con estar no punto de saída á hora e no día sinalados. Iso si, desde o Concello aconséllase levar roupa cómoda e clara -mellor chaleco reflectante-, calzado sen tacón que non sexa de estrea, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer. Farán de guía os grupos de ximnasia de mantemento das respectivas parroquias.

Para máis información pódese chamar ao teléfono do Ximnasio municipal, 647 491 371 en horario de 19 a 23h.

PARROQUIA DATA LUGAR DE SAÍDA
Lamas venres 29 de maio local social

Ferreira xoves 5 de maio local social da Seara

Igrexafeita venres 20 de maio local social

Naraío luns 30 de maio campo de fútbol

Santa Mariña venres 17 de xuño local social

San Sadurniño xoves 30 de xuño CPI de San Sadurniño