A directora de Turismo de Galicia afirmou que a paisaxe mineira galega incrementará a competitividade do sector turístico galego
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración da xornada de presentación do proxecto Atlanterra, que contou tamén coa presenza do director do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, Jorge Civis, e o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios.
O proxecto Atlanterra, que comezou en 2010 e finalizou o pasado decembro de 2013, é o primeiro estudio do potencial do patrimonio mineiro de toda Galicia. O conxunto do traballo desenvolveuse en rexións de cinco países do Atlántico europeo: Irlanda, Gales, Francia occidental, Galicia e Portugal.
Na súa intervención a directora de Turismo de Galicia sinalou que o patrimonio industrial constitúe unha innovadora e atractiva oferta que outorga a posibilidade de coñecer diferentes sectores produtivos arraigados a nosa comunidade. Neste senso, Nava Castro, explicou que “co turismo industrial preténdese que tanto turistas como visitantes poidan adentrarse no noso sistema produtivo e con iso explorar o pasado e o presente da vida dos galegos e galegas”.
Así mesmo, a directora galega de Turismo, destacou que o patrimonio mineiro de Galicia abre unha nova alternativa á hora de poñer en marcha ofertas turísticas que permitan dinamizar as áreas mineiras e o entorno onde se localizan.
Durante a xornada, celebrada en Santiago de Compostela, ademais de presentarse os resultados do proxecto Atlanterra, expúxose tamén un dos seus puntos estrela, o mapa de patrimonio mineiro de Galicia. Dito mapa elaborouse co fin de difundir o coñecemento sobre o conxunto de restos e documentos herdados da actividade mineira, fundamental para a comprensión da sociedade mineiro-industrial e para mostrar o desenvolvemento e a evolución da actividade mineira da nosa Comunidade.
Tal e como explicou Nava Castro na súa intervención, á hora de comezar a deseñar un novo produto turístico é preciso contar cunha localización e catalogación dos recursos. A directora de Turismo de Galicia afirmou que “este primeiro paso acábase de producir co dito mapa” que identifica 35 canteiras galegas que aínda conservan potencial para transformarse en lugares turísticos.
“Con esta catalogación do patrimonio mineiro iníciase o camiño para desenvolver un recurso que será capaz de converterse nun polo de atracción turística na zona onde se localiza ou ben outorgará un valor engadido á oferta xa implantada no contorno a fin de consideralo como un destino multiexperiencial”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.
“A paisaxe mineira galega incrementará a competitividade do sector turístico galego sempre e cando se adopten políticas turísticas que fomenten o desenvolvemento sustentable do territorio onde se asentan con criterios innovadores e de calidade”, concluíu Nava Castro.
O encontro, que abordou tamén o Plan Nacional de Patrimonio Industrial, foi clausurado polo director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces.