— O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a convocatoria dun total de 8 bolsas formativas de 10 meses de duración no Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC)
— Diríxense a persoas con licenciatura ou grao en dereito, centraranse nos dereitos dos consumidores e na seguridade dos produtos e desenvolveranse nas oficinas do IGCC das sete cidades galegas, co prazo de solicitudes aberto ata o 19 de febreiro
— A elas sumarase unha novena bolsa que se publicará a finais deste mes e que abordará a promoción e defensa da competencia na Comisión Galega da Competencia, para persoas formadas en dereito, económicas ou administración e dirección de empresas
— O obxectivo da Xunta é fomentar a formación práctica e especialización en materia de consumo e competencia, co gallo de impulsar a incorporación ao mercado laboral, ao tempo que se avanza na defensa das persoas consumidoras e usuarias
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a convocatoria dun total de 8 bolsas formativas de 10 meses de duración no Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que se centrarán nos dereitos das persoas consumidoras e na seguridade dos produtos e que se distribuirán entre as oficinas do IGCC nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela —a onde irán dúas persoas—. Poden solicitarse ata o vindeiro 19 de febreiro. A isto sumarase a publicación nos próximos días dunha a novena bolsa —en materia de promoción e defensa da competencia— que se desenvolverá na Comisión Galega da Competencia. As convocatorias teñen como obxectivo contribuír á formación práctica e especialización en materia de consumo e competencia das persoas con titulación universitaria de licenciatura ou grao, co gallo de impulsar a súa incorporación ao mercado laboral, ao tempo que se avanza na defensa das persoas consumidoras e usuarias.
Obxectivos das convocatorias
Co convencemento de que a formación é unha das fórmulas máis efectivas para contribuír á defensa e protección da seguridade das persoas consumidoras e usuarias, as bolsas convocadas buscan complementar os coñecementos teóricos adquiridos nos estudos universitarios cunha capacitación práctica que permita afrontar con maiores garantías o futuro profesional. Afóndase así na formación previa ao acceso á vida laboral para impulsar a entrada no mercado de traballo.
No caso das primeiras oito bolsas en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos —aberto actualmente o prazo de solicitudes— están dirixidas a universitarios no ámbito do dereito. O obxectivo é facilitar a formación directa de futuros profesionais en materia de consumo e nos mecanismos de protección que se desenvolven na Administración, garantindo a defensa dos consumidores, así como a formación, información e educación das persoas consumidoras e usuarias.
Canto á bolsa sobre promoción e defensa da competencia, que se publicará a finais de mes, está orientada a formados en dereito, económicas ou administración e dirección de empresas. Búscase afondar nas materias obxecto da actividade da Comisión Galega da Competencia, como os mecanismos de protección do correcto funcionamento do mercado, para dar cumprimento ao mandato constitucional de promover a liberdade de empresa no marco da economía de mercado.
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia
O impulso destas bolsas formativas enmárcase no labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, caracterizado desde a súa constitución hai 30 anos pola simplificación administrativa, gratuidade e eficacia na resolución dos conflitos en materia de consumo. En 2026 o IGCC contará cun orzamento superior a 7,5 M€ para continuar garantindo a defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias. Consolidarase o liderado no control de produtos do Laboratorio de Consumo de Galicia —único laboratorio oficial público de consumo en España coa acreditación ENAC— e avanzará a implantación do sistema de reclamación dixital mediante código QR, pioneiro a nivel estatal. A cidadanía ten á súa disposición o IGCC a través das súas oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas, vía web ou no teléfono gratuíto 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres, para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260123/AnuncioG0767-301225-0001_gl.html




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.