O xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Antón Álvarez, foi o encargado de presentar a oferta náutica da Coruña, consolidada como un dos destinos favoritos das tripulacións da regata de grandes veleiros
A Coruña participou esta fin de semana na conferencia anual da organización Sail Training International (STI) —principal impulsora da regata Tall Ships Races—, celebrada na cidade francesa de Burdeos e onde o Concello contou coa representación do xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Antón Álvarez. Álvarez foi un dos relatores na mesa de intervencións dos portos de Burdeos (Francia), Sines (Portugal) e A Coruña, que acollerán a estadía dos grandes veleiros na vindeira edición da TSR, no verán do ano 2027.
Neste sentido, o xerente do Consorcio puxo en valor o “vínculo histórico” existente entre a Tall Ships Races e a cidade herculina, sendo, como é, a máis visitada pola regata desde mediados da década do cincuenta. Dende entón, as embarcacións fondearon na Coruña ata en dez ocasións: nos anos 1958, 1970, 1974, 1990, 1994, 2002, 2006, 2012, 2016 e 2023.
Nesta última edición, a do ano 2023, contabilizáronse máis de 101.000 visitantes ao longo dos tres días de estadía da regata na cidade. Isto abriu camiño, ademais, á celebración da conferencia anual da STI na Coruña, xa a finais do 2024, e que tivo lugar entre o recinto feiral Expocoruña e o Aquarium Finisterrae.
Visibilizar o ecosistema náutico da cidade
Na mesa de ponencias que tivo lugar onte pola tarde, Antón Álvarez destacou a bagaxe e experiencia da Coruña á hora de acoller a regata de grandes veleiros. “Desde a nosa perspectiva, isto vai moito máis alá de que o evento teña unha continuidade no tempo na nosa cidade, tamén se trata de cada edición supoña unha aprendizaxe que axude a mellorar o noso porto e o conxunto da cidade, reforzando o noso ecosistema náutico e turístico”, dixo Álvarez.
A este respecto, cómpre lembrar que A Coruña tamén formalizou a súa candidatura para ser porto áncora da STI, coa finalidade de establecer vínculos de traballo e colaboración coa organización a medio e longo prazo.
A volta da Tall Ships na cidade, no contexto do inicio da transformación dos peiraos
Na conferencia da STI en Burdeos, Antón Álvarez destacou os pasos que está a dar o Goberno de Inés Rey para avanzar na transformación da fachada marítima e, moi especialmente, nos peiraos interiores, coa posta en marcha do proxecto Coruña Marítima, seleccionado a finais do ano pasado para participar como caso de éxito na Conferencia Mundial da Asociación Internacional de Cidades e Portos, en Nova York.
“A integración dos peiraos na paisaxe urbana da cidade forma parte dun plan moi ambicioso que no futuro terá un impacto moi positivo en materia de sostibilidade e innovación portuaria, mais tamén en todo o referente ao turismo e aos eventos, especialmente os deportes náuticos”, indicou Vázquez.
O xerente do Consorcio, que esta mesma semana participou na presentación da campaña turística da Coruña en FITUR, de cara a este ano 2026, subliñou que a presencia da cidade en Burdeos tamén reforza a estratexia do Concello neste eido de cara ao medio prazo, xa coa vista posta no regreso da Tall Ships Races á cidade no 2027, unha iniciativa que conta co apoio da asociación Juan de Lángara.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.