A exposición recibirá a visita de 385 alumnos de 10 centros de dentro e fóra da cidade entre os días 26 e 30 de xaneiro
O Concello realizará entre o luns 26 e o xoves 30 de xaneiro o programa divulgativo para escolares “Converxencias, arte e ciencia”, desenvolto pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) e o Servizo de Educación. Nesta edición, o programa inclúe unha exposición sobre a figura de Juan Gris, que se exhibirá no Ágora.
A actividade “Converxencias, arte e ciencia: Juan Gris”, enmárcase dentro das actividades programadas polo Goberno de Inés Rey para difundir a ciencia e a cultura científica na sociedade. Unha forma de mostrar a través da práctica as sinerxías e os vínculos entre a arte e a ciencia, propiciar a comprensión do método científico, a resolución de problemas, o espírito crítico e o interese social pola ciencia e a innovación como base do progreso.
Para iso programáronse visitas de escolares, cuxos centros se inscribiron previamente.
Serán 409 as/os participantes destas visitas, das/os que 385 son estudantes de ESO e bacharelato, mentres que as 24 restantes persoas son profesores/as. Os centros participantes son IES Salvador de Madariaga, IES Eusebio da Guarda, IES Ramón Menéndez Pidal, IES Urbano Lugrís, IES Elviña e FP CFP Cesuga, da Coruña; e IES Ollos Grandes, de Lugo; IES de Carral, IES Manuel Murguía, de Arteixo; e IES Miraflores, de Oleiros.
Para eles, e en horario de mañá, desenvolveranse talleres que teñen como obxectivo ilustrar e profundar no diálogo entre a ciencia, a arte e a tecnoloxía, primando en todo momento o compoñente didáctico e divulgativo para achegarse ao público xeral e, especialmente, á mocidade.
Na exposición preténdese explorar esa interacción dinámica das conexións entre a arte e a ciencia, para establecer visións integradas e integradoras. Para iso farase unha presentación animada sobre o uso das matemáticas no método compositivo e o uso da cor por Juan Gris, á vez que se seleccionaron obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo, de tal maneira que se aborda desde a arte celta ata os movementos artísticos dos últimos séculos, para terminar con obras de arte dixital 3D, de Manuel Díaz Regueiro, seleccionadas e expostas en 15 congresos internacionais de arte e matemáticas.
“A arte e a ciencia están moito menos lonxe do que a miúdo se pensa. É importante achegarlles estas ideas aos rapaces e rapazas. Desde o Goberno de Inés Rey sempre imos ter ese compromiso. O compromiso co coñecemento e a formación das xeracións futuras.”, subliñou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.